Sitúase no 5,4%

A taxa de actividade emprendedora en Galicia acada o segundo mellor resultado en trece anos

O Informe GEM Galicia 2022-2023, coordinado dende a USC, sitúa a taxa de emprendemento no 5,4%, 0,6 puntos máis que en 2021, sendo o segundo valor máis alto dende 2010. A porcentaxe de poboación con vontade de emprender en Galicia durante os vindeiros tres anos sitúase no 8,5%.

A taxa de actividade emprendedora en Galicia acada o segundo mellor resultado en trece anos
Loreto Fernández (esquerda) e Isabel Neira (dereita), responsables do estudo. FOTO: Santi Alvite.
Loreto Fernández (esquerda) e Isabel Neira (dereita), responsables do estudo. FOTO: Santi Alvite.

Esta cifra evidencia a “restauración da confianza” no fenómeno emprendedor e “permite prever un maior crecemento” deste tipo de actividade nos próximos anos.

A xornada de presentación do informe contou coa presenza do reitor da USC, Antonio López; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites; e as profesoras da USC Loreto Fernández e Isabel Neira, quen deron conta das principais conclusións do estudo.

O Informe GEM Galicia 2022/2023, elaborado por un equipo pertencente ás tres universidades galegas e coordinado dende a USC, reúne anualmente datos de 2.000 individuos (poboación adulta de 18 a 65 anos) e analiza a evolución anual da actividade emprendedora, o perfil da persoa emprendedora, as características das iniciativas emprendedoras e as condicións da contorna para emprender en Galicia.

Emprendemento feminino

No referido ás mulleres, o informe amosa que o emprendemento feminino segue a crecer, cunha taxa de actividade emprendedora feminina que se sitúa no 6,7%, por encima da media deste indicador e case un punto e medio máis que en 2021 (5,3% en 2021). As iniciativas lideradas por mulleres mostran unha propensión a innovar, tanto en produto ou servizo (31%) como en tecnoloxía ou proceso (30%), e fano en maior medida que as promovidas por homes (18% e 26%, respectivamente).

En relación á idade, a poboación emprendedora galega é máis nova que noutras ocasións, xa que a metade atópase entre 35 e 44 anos e a taxa achégase ao 11%, e máis formados xa que o 51% das emprendedoras e o 41% dos emprendedores teñen estudos universitarios.

O informe destaca tamén a profesionalización, no que o 16% da poboación feminina e o 18% da masculina cursaron un ciclo de formación profesional. Outro aspecto salientable é a formación específica para emprender e a educación financeira, onde tres de cada catro persoas emprendedoras afirman ter coñecementos medios ou altos sobre emprendemento en xeral e sobre finanzas de modo particular. O documento destaca tamén que, entre as persoas emprendedoras, un 8% teñen algún grao de discapacidade e un 14% son inmigrantes.

Finalmente, no informe tamén se recolle o papel da economía social en Galicia, que representa o 7% do PIB autonómico e implica a máis de 100.000 persoas na comunidade. Neste senso, o estudo alienta que o modelo da economía social é cada vez máis valorado, sobre todo para as persoas con formación universitaria, e sinala a existencia dun maior interese por algunha das fórmulas de economía social nas empresas de recente creación.

A taxa de actividade emprendedora en Galicia acada o segundo mellor resultado en trece anos