Comparecencia da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade no Parlamento

O orzamento destinado a formación para o emprego e orientación laboral aumentará nun 9,6% en 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou no Parlamento que a Xunta incrementará en 2023 o orzamento destinado a formación para o emprego e orientación laboral nun 9,6%, ata chegar aos 202,2 millóns de euros.
O orzamento destinado a formación para o emprego e orientación laboral aumentará nun 9,6% en 2023
Comparecencia de María Jesús Lorenzana no Parlamento galego.
Comparecencia de María Jesús Lorenzana no Parlamento galego.

A área de formación para o emprego e orientación laboral recibirá o próximo ano o 47% da contía global do presuposto da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade (un total de 432 millóns).

María Jesús Lorenzana detallou que dos 202,2 millóns de euros, un total de 104 investiranse no novo Plan galego de formación para o emprego co que o Goberno galego aspira a dar resposta ás necesidades daquelas galegas e galegos que precisan mellorar o seu nivel de formación porque o que teñen non os capacita profesionalmente.

O Plan, co que se seguirá impulsando unha formación dual e flexible, adaptada ás tendencias do tecido produtivo e ao actual mercado laboral, contará cun 26,8% máis que no exercicio anterior para, en palabras da conselleira, “chegar a máis xente e con mellores programas”. É unha planificación, tal e como apuntou, “máis axustado ás necesidades do actual mercado laboral e dos galegos e das galegas que precisen reforzar a súa formación”. 

O documento, que forma parte da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, inclúe accións específicas para traballadores ocupados e para persoas desempregadas, así como actuacións para incorporar ás empresas ao proceso formativo, xa que, segundo explicou a conselleira, o obxectivo é mellorar tanto a cualificación profesional dos galegos e galegas, a competitividade das empresas e o propio tecido económico de Galicia.

Competencias clave

Con respecto á formación para desempregados, a conselleira sinalou que un dos piares o constitúe a formación en competencias clave, necesarias para que aquelas persoas que non contan coa cualificación precisa para acceder á demanda actual de traballo.

O Goberno galego convoca, en concreto, estas avaliacións co obxectivo de facilitar que as persoas traballadoras galegas poidan acceder ás accións formativas dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3, que requiren estar en posesión de titulacións mínimas ou ter as competencias clave necesarias.

A capacitación en competencias clave pode facerse por libre ou no marco dos cursos AFD (Accións Formativas para persoas Desempregadas). Con respecto ás probas libres, de cara a 2023 estase a deseñar un programa para aumentar o número de convocatorias, e tamén estase a estudar a ampliación dos lugares de realización dos exames nas catro provincias galegas. Ata o de agora, as probas celébranse unha vez ao ano en Silleda.

En canto aos cursos de competencia clave que forman parte das accións formativas para desempregados (AFD), o crédito destinado aumentará ata chegar aos 5 millóns de euros, o que supón un 45% máis de orzamento.

Lorenzana, así mesmo, expuxo na Camara galega que se porá a disposición da cidadanía de xeito totalmente gratuíto e a través do Campus Virtual, unha serie de recursos formativos en competencias clave de nivel 2 e 3 para que, quen queira, poida realizar na modalidade de autoformación a preparación das probas de competencias clave. 

O orzamento destinado a formación para o emprego e orientación laboral aumentará nun 9,6% en 2023