Buscar
22:49h. Martes, 19 de Septiembre de 2017

UN 5,4% MÁIS QUE EN 2017

A Xunta eleva o seu teito de gasto para 2018 ata os 9.487 millóns de euros

O Consello da Xunta aprobou este venres o teito de gasto non financeiro para o 2018, que será de 9.487 millóns de euros. Esta cifra é un 5,4% superior á de 2017, de tal xeito que a Administración autonómica disporá de 490 millóns de euros máis.

O titular do Goberno galego e o conselleiro de Facenda, na rolda de prensa tralo Consello da Xunta./X.CRESPO
O titular do Goberno galego e o conselleiro de Facenda, na rolda de prensa tralo Consello da Xunta./X.CRESPO

Durante a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo explicou que Galicia é a primeira comunidade que aproba o seu teito de gasto para o ano que vén, tras a xuntanza deste xoves do Consello de Política Fiscal e Financeira, o que constitúe un paso imprescindible de cara á aprobación dos Orzamentos. Nese senso, o titular autonómico lembrou que o noso é o único territorio que ten aseguradas as súas contas para 2018. “O Goberno galego non será unha fonte de incerteza”, destacou Feijóo, grazas á estabilidade política da que goza a Comunidade.

O presidente da Xunta quixo poñer en valor a importancia dunha xestión responsable para poder sacar adiante este teito de gasto e, en consecuencia, aumentar os investimentos e “manter os servizos públicos con máis ambición” de cara ao ano que vén. Non en van, Galicia é a autonomía que menos aumentou a débeda pública desde 2009, o que permitirá que o incremento real da capacidade de gasto sexa aínda maior que o previsto, debido á redución dos gastos financeiros. Grazas a isto, a Comunidade xa recuperou a metade da capacidade de investimento que perdera durante a crise e dispón de 1000 millóns de euros máis que hai catro anos.

Novas previsións de crecemento

O titular do Goberno galego tamén anunciou unha nova revisión á alza das previsións de crecemento para este ano e o que vén, que se sitúan no 3,1% e no 2,7%, respectivamente, en ambos os casos por riba da media española. 

Pola súa parte, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou que o teito de gasto para 2018 aprobado hoxe é rigoroso, ao tempo que vai na liña da folla de ruta marcada no Plan estratéxico de Galicia 2015-2020. Este límite de gasto “reforza a creación de emprego e o investimento, e consolida un modelo de crecemento san que permite a Galicia crecer mellor”, sinalou.