Reclaman melloras nas súas condicións económicas e laborais

As dependentas de Inditex volverán ás rúas o 7 de abril

As traballadoras das tendas de Inditex manifestaranse o domingo 7 de abril na Coruña para reclamar as melloras nas súas condicións, tanto no ámbito económico como labora, que quedaron pendentes na anterior negociación.

As dependentas de Inditex volverán ás rúas o 7 de abril
Manifestación de traballadoras de tendas de Inditex na Coruña o pasado 6 de novembro./CIG.
Manifestación de traballadoras de tendas de Inditex na Coruña o pasado 6 de novembro./CIG.

A protesta, convocada pola CIG, sairá as 12 horas da Praza de Lugo e rematará na Porta Real, seguindo o mesmo itinerario que na manifestación do 6 de novembro de 2022 que marcou o inicio das históricas mobilizacións das dependentas de Inditex.

A decisión de volver ás rúas adoptouse tras a falta de avances na reunión celebrada este mércores coa compañía para abordar cuestións tanto de ámbito económico como laboral.

Antigüidade e melloras sociais

Unha das principais reivindicacións é a recuperación do cobro da antigüidade por cada cuadrienio, pero Inditex négase en rotundo a negociar nada relacionado co pago da antigüidade.

No almacén loxístico de Sabón, despois dunha loita sindical liderada pola CIG, o persoal conseguiu recuperar a antigüidade do convenio, polo que as dependentas das tendas reclaman que tamén se lle recoñeza este mesmo dereito.

Xunto a isto, as traballadoras demandan que se lles apliquen as melloras sociais que xa teñen recoñecidas os compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo tales como as axudas para gastos de gardería, as axudas para persoas con crianzas con necesidades especiais, o estabelecemento do bono comida, a equiparación de condicións entre todas as cadeas ou a redución da xornada en función da idade.

Negociar aquí e non en Madrid

As negociacións entre traballadores e empresa non avanzan a causa das insuficientes propostas presentadas pola compañía que, xusto despois de anunciar beneficios milmillonarios de récord e un incremento do 28% dos dividendos, pretende adiar calquera acordo até o ano 2025 en previsión de que no próximo exercicio os resultados económicos non sexan tan espectaculares.

Co convencemento de que só a través da mobilización poden lograr avances nos seus dereitos, as traballadoras de Inditex reclaman que a negociación se ten que desenvolver en Galiza, e non en Madrid, porque é no ámbito máis próximo aos centros de traballo onde teñen capacidade de incidir e decidir en cada momento sobre o que se está a negociar.

As dependentas de Inditex volverán ás rúas o 7 de abril