Sen tempo que perder para construir o noso futuro

A crise de saúde pública provocada polo COVID-19 ten provocados uns efectos económicos inauditos na Galicia contemporánea. A caída de actividade nos dous meses de confinamento, as restricións impostas durante o período de desescalada e a afectación dun número relevante de ramas produtivas e empresas na chamada “nova normalidade” van facer que o Produto Interior Bruto de Galicia caia en 2020 substancialmente.

Os escenarios debuxados polo Foro Económico de Galicia en maio deste ano cuantifican a caída en -8.5% no mellor dos casos; e en -12.7% se as medidas de distanciamento social amoderan a reactivación no segundo semestre. A posibilidade dun novo confinamento nos vindeiros meses faría que a perda de PIB se achegase ao 20%, un dato que debe servir para que non esquezamos en ningún momento a importancia de respectar as normas de saúde pública que rexerán as nosas relacións sociais nos vindeiros meses.

Ante unha recesión inaudita, requírense acordos e medidas á súa altura. A todos os niveis. A coordinación internacional e o apoio da Unión Europea (UE) son pezas chaves nas que todos nos xogamos moito; e non só os países máis afectados polo COVID-19. A escala española, é fundamental profundar nas actuacións compensatorias, mais tamén nas de dinamización aproveitando xa, todo o posible, o paquete de ferramentas aprobado no mes de maio (SURE, créditos MEDE e Fondos BEI), porque o moi positivo Plan de recuperación que vén de aprobar a UE esta semana vai ter un calendario de execución longo de máis para ter efectos substanciais a curto prazo.

E neste contexto, Galicia ten que facer os seus deberes. Nese senso, é fundamental que todas as actuacións a escala autonómica e local se insiran na estratexia nacional: non ten sentido tentar replicar o que outros xa están a facer, ou meterse en competencias impropias. Hai que buscar os elementos diferenciais non atendidos, encher buratos que se lle escapan a outros niveis de goberno.

A carón de actuacións que preservan o noso tecido produtivo, é fundamental que os galegos aproveitemos as oportunidades que temos diante de nós e nos custa concretar. A estratexia dos proxectos tractores proposta polo Comité de expertos económicos de Galicia e asumida como propia pola Xunta pode ser a estrutura na que se desenvolva ese aproveitamento, sempre e cando teñamos claro dúas cousas.

A primeira é que os proxectos deben ter prazos de posta en marcha brevísimos. Varios deles deberan estar en marcha nos vindeiros 12 meses. Para iso, hai que constituír xa a estrutura financeira que o soporte (un fondo público-privado), comprometer aos socios, pechar o proxecto e preparar a administración para tramitacións que, garantindo a seguridade en todas as súas dimensións, permitan comezar a traballar en tempo récord. A idea dos proxectos tractores é boa. Non podemos permitir que remate durmindo o soño dos xustos por falta de vontade política, incapacidade técnica ou inoperancia burocrática.

A segunda ten que ver con que o espazo de posibilidades é enorme. Os recursos endóxenos de Galicia permiten pensar ao grande en moitos eidos. É o momento. A recesión vaise levar por diante empresas e emprego, benestar das familias e recursos. Non podemos limitarnos a defender o tecido produtivo actual; temos que construír o noso futuro.

Asemade, precisamos unha clara vontade reformista en distintos eidos chave para o benestar a longo pazo da nosa sociedade. O Foro Económico de Galicia ten tratado a meirande parte destes asuntos nos seus documentos: a mobilidade de terras que nos permita superar ao actual abandono dun valioso patrimonio colectivo; o aproveitamento do talento que atesouran as nosas universidades; o incremento no tamaño medio das nosas empresas; ou a avaliación da rendibilidade social do gasto público. Sen esquecer que a actual crise está poñendo en cuestión as cadeas de subministro global e, polo tanto, a oportunidade de reposicionarnos nelas se melloramos a nosa competitividade.

E todo o anterior sería moito máis doado se acadásemos amplos acordos políticos e sociais. Partidos políticos, sindicatos, administracións públicas, organizacións empresariais, tecido asociativo, universidades... É un momento de buscar acordos e consensos, de mesturar ambición e xenerosidade.

Manifesto do Foro Económico de Galicia polo 25 de xullo