En obradoiros de emprego e axudas da Risga

A Xunta destina 32 millóns para favorecer a contratación de 2.000 desempregados

No Consello da Xunta deste xoves informouse sobre as próximas convocatorias das axudas para os obradoiros de emprego 2019-2020 e sobre a resolución dos apoios concedidos este ano para a contratación de persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia (Risga).

A Xunta destina 32 millóns para favorecer a contratación de 2.000 desempregados
As axudas inclúen a realización de obradoiros duais forestais.
Resérvanse 5 millóns para obradoiros duais forestais.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará preto de 24,5 millóns entre 2019 e 2020 para a posta en marcha de 80 obradoiros, a través dos cales máis de 1.500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo para o desenvolvemento de tarefas que supoñan un servizo en beneficio da comunidade. Os Concellos Emprendedores seguirán tendo preferencia nesta iniciativa.

Obradoiros duais

Investiranse 21 millóns nos obradoiros duais para beneficiar 1.200 desempregados a través de 61 programas. Por segundo ano consecutivo ponse en marcha esta modalidade de obradoiros que, ademais dun contrato de formación e aprendizaxe de 9 meses, inclúe a posibilidade de que os desempregados poidan optar a tres meses máis a xornada completa, como mínimo, a un contrato laboral nunha empresa do ámbito territorial en que se desenvolva o obradoiro e na mesma especialidade en que se cualificaron. Deste xeito, a Xunta incentivará, para aqueles concellos que o soliciten, a contratación nas empresas.

Obradoiros específicos para o sector forestal e o Camiño 

Dentro dos obradoiros duais, igual que na edición pasada, tamén se primarán os forestais e os específicos para mellorar o Camiño de Santiago. Resérvanse, deste xeito, 5 millóns para os obradoiros forestais, que permitirán o acceso a certificados de profesionalidade nas especialidades de aproveitamento madeireiro, recolección de produtos forestais, repoboación, conservación e mellora do monte, silvicultura, construción e mantemento de infraestruturas para a prevención e extinción de incendios e de seguridade e ambiente e as relacionadas tamén coa vixilancia e extinción de incendios. Destes cinco millóns, destinarase un millón para os obradoiros promovidos por entidades sen ánimo de lucro do eido forestal.

Para os obradoiros do Camiño de Santiago investiranse 3 millóns na realización de tarefas destinadas á conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación.

Obradoiros para a mocidade

Con respecto aos obradoiros específicos para menores de 30 anos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 3,5 millóns para beneficiar 300 mozos e mozas a través de 19 programas, que tamén combinan formación e o acceso a un posto de traballo durante 6 meses. Igual que os duais, os proxectos poden ser promovidos polos concellos, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello. Poderán ser beneficiarios desta modalidade de obradoiros os menores de 30 anos inscritos no sistema de garantía xuvenil. Nas próximas semanas publicarase esta liña de axudas no Diario Oficial de Galicia. A través destes obradoiros tamén se accede a certificados de profesionalidade ao remate da formación.

Axudas para perceptores da Risga

En canto á resolución da convocatoria de axudas para perceptores da Risga, a Xunta inviste este ano 7,6 millóns, un 3,6% máis que en 2018, para contratar a 670 parados en 194 localidades, con preferencia para aqueles que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e os que teñan cargas familiares. A novidade máis importante este ano é que a duración dos contratos se amplía de 7 a 9 meses. Ademais, a axuda media concedida por traballador aumenta nun 35,4%, sobre 3.000 euros máis, chegando aos 11.467 euros. 

A Xunta destina 32 millóns para favorecer a contratación de 2.000 desempregados