Valoración dos datos do paro e afiliacións

A Xunta destaca a baixada do paro na evolución anual, os sindicatos a "fraxilidade" do mercado laboral galego

Recollemos as valoracións da Xunta de Galicia e dos principais sindicatos a raíz da publicación dos datos do paro rexistrado, contratacións e afiliacións á Seguridade Social no mes de xaneiro.
A Xunta destaca a baixada do paro na evolución anual, os sindicatos a "fraxilidade" do mercado laboral galego
Covadonga Toca valorou os datos do paro rexistrado nunha visita anunha visita que realizou ás oficinas de Accede
Social, en Santiago./X.CRESPO.
Covadonga Toca valorou os datos do paro rexistrado nunha visita que realizou ás oficinas de Accede Social, en Santiago./X.CRESPO.

Como vén sendo habitual, a secretaria xeral de Emprego da Xunta, Covadonga Toca, puxo o acento na evolución anual do paro, que continúa baixando na nosa Comunidade, ao tempo que as afiliacións e a contratación indefinida seguen aumentando.

Galicia comeza 2020 con 7.045 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do -4,03% e un nivel de desemprego moi inferior ao rexistrado hai once anos. Por sétimo ano consecutivo redúcese o paro en Galicia nun mes de xaneiro. Estes datos sitúan Galicia como a segunda Comunidade que rexistra unha maior baixada de desemprego, superando a media española (-0,97%) en máis de tres puntos.

O paro tamén baixou nas catro provincias galegas e nas grandes cidades (agás A Coruña), así como en todos os sectores económicos e nos colectivos prioritarios para a Xunta: menores de 30 anos, parados de longa duración e mulleres. De feito, nestes tres colectivos fíxoo a maior ritmo que a media galega: descendeu nun -4,14% entre os menores de 30 anos; nun -5,53% nos parados de longa duración; e nun -4,26% nas mulleres.

A secretaria xeral de Emprego tamén puxo en valor que as afiliacións encadean 11 meses por riba do millón de afiliados. En concreto, no último ano medran o 1,42%, o que supón 14.136 cotizantes máis á Seguridade Social ata alcanzar a cifra de 1.006.506, é dicir, unha media de 39 novos afiliados ao día.

Ademais, os contratos indefinidos creceron en Galicia un 4,43% mentres que a  tempo completo tamén medraron, nun 4,54% fronte ao descenso rexistrado no conxunto do Estado.

En canto á evolución mensual, Toca indicou que o aumento rexistrado é a segunda suba máis baixa das últimas dúas décadas e explicou que o paro aumenta en xaneiro ao longo de toda a serie histórica. De feito, agás Baleares, todas as Comunidades rexistran un ascenso este mes e Galicia é a quinta cun mellor comportamento.

Valoracións dos sindicatos

Pola súa banda, Comisións Obreiras (CCOO) fala dun inicio de 2020 con malos datos para o emprego en Galicia. O desemprego medra e a afiliación redúcese en moita maior proporción, o que constitúe un reflexo do menor crecemento da actividade e a incerteza das persoas sobre a posibilidade de atoparen un emprego. “Unha temporalidade do 90% nos contratos rexistrados en xaneiro demostra os efectos nocivos da reforma laboral, que se traduce en precariedade”, afirma a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza.

En opinión da sindicalista, “urxe” reverter os “aspectos máis lesivos» da reforma laboral e abordar os cambios estruturais que precisa o sistema produtivo. Tamén, aprobar uns orzamentos xerais do Estado “que recuperen o investimento público e o gasto social”. Así mesmo, Bouza insta a Xunta de Galicia a gobernar “consonte as súas competencias, acompañando con política industrial e de emprego as medidas que se acorden no ámbito estatal”.

Dos datos do paro, CCOO salienta a fenda de xénero no emprego pois o paro medrou máis entre as mulleres que nos homes: 1.726 desempregadas máis por 721 desempregados. O 70% das persoas que se incorporan ao desemprego en xaneiro son mulleres.

Para o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle,  “a parcialización, a temporalidade e a emigración da mocidade están desangrando o país, mentres o goberno da Xunta pretende converternos nun simple destino turístico”.

A pesar do aumento do paro, a contratación continuou incrementándose. “Cada vez se rexistran máis contratos, o que evidencia o forte medre da rotación no emprego das persoas asalariadas con contrato temporal en Galiza, e polo tanto o medre continuo da precarización do emprego”, denuncia Cartelle.

Xunto a isto, alerta de que “a perda de afiliación à Seguridade Social se estende como un virus polo mercado laboral galego”. E é que segundo os datos que se veñen de facer públicos, a caída da afiliación é 5 veces superior ao medre do desemprego, xa que mentres que esta se reduciu en 13.752 persoas o paro descendeu en 2.447. Son varias as razóns que poden explicar este desfase: desde a falta de confianza no SEPE, á emigración, a xubilacións…, ou a unha combinación de todas. En calquera caso, Cartelle afirma que “non fai máis que agravar a xa precaria situación laboral galega”.

Para UGT.Galicia, finalmente, os datos do paro publicados constatan a fraxilidade dun mercado laboral precario, estacionalizado e temporal. Despois da campaña de Nadal, é o sector servizos o que en Galicia achega a totalidade do desemprego que se resinte dun xeito máis incisivo entre os máis mozos, principais destinatarios destas contratacións en Nadal.

Para UGT-Galicia, urxe repoñer os dereitos dos traballadores e derrogar na súa totalidade a reforma laboral que só está a precarizar as condicións laborais. Tamén resultado moi necesario, á vista dos datos de cobertura por desemprego, que se establezan políticas públicas para protexer ás persoas en desemprego vía prestacións, combinando as axudas con medidas activas de emprego, de orientación, formación e inserción.

A Xunta destaca a baixada do paro na evolución anual, os sindicatos a "fraxilidade" do mercado laboral galego