Os días 18 e 19 de setembro, na Facultade de Bioloxía

Unha xornada na Universidade de Vigo avaliará aproveitamentos alternativos para o bosque galego

MycoGalicia Plantae organiza os días 18 e 19 de setembro as xornadas ‘A outra cara do monte’, unha cita cos actores e protagonistas do sector forestal galego que pretende avanzar nos “aproveitamentos alternativos” do bosque galego.
Unha xornada na Universidade de Vigo avaliará aproveitamentos alternativos para o bosque galego
Equipo de MycoGalicia De esq. a drta Hugo Fernández, María Cabaleiro, Andrés Cordeiro e Paula Estévez.
Equipo de MycoGalicia: Hugo Fernández, María Cabaleiro, Andrés Cordeiro e Paula Estévez.

MycoGalicia Plantae, é unha empresa viguesa catalogada como Iniciativa Empresarial de Base Tecnolóxica (IEBT) pola Administración galega, ademais de socia de Bioga. Traballa en asesorar e potenciar o desenvolvemento dos usos forestais alternativos e sostibles a través de técnicas innovadoras e respectuosas co medio ambiente e potenciando ao mesmo tempo o desenvolvemento rural.

“Coas xornadas ‘A outra cara do monte’ queremos demostrar que o bosque galego é un activo fundamental no desenvolvemento do campo galego e que pode xerar postos de traballo arredor de proxectos innovadores e viables como pode ser o aproveitamento do recurso micolóxico", asegura María Cabaleiro, unha das cofundadoras e executivas de MycoGalicia Plantae.

Pola súa banda, Andrés Cordeiro, tamén socio cofundador da empresa promotora das xornadas, destaca que a cita pretende ser un referente no deseño do futuro estratéxico do monte en Galicia. “Cremos que valores como o respecto medioambiental, a sustentabilidade, a cooperación co desenvolvemento rural, a innovación ou o compromiso son fundamentais para construír a Galicia rural do futuro, que a ben seguro xirará arredor do monte e a súa explotación racional”. Na súa opinión, “no monte galego está a nosa identidade, polo que é necesario prestarlle atención, e dedicarlle tamén moitos recursos que permitan buscar, ao mesmo tempo, aproveitamentos alternativos que esperten o atractivo dos nosos bosques”.

Xornadas

As xornadas terán lugar na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. Entre os poñentes están Juan Picos, do Grupo de Investigación en Enxeñería Agroforestal da Universidade de Vigo, que falará da situación actual do monte galego e do sector forestal; Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo, que abordará as posibilidades de desenvolvemento e aproveitamentos multifuncionais do monte galego; Iria Villar, do Grupo de Investigación Bioloxía Ambiental da UVigo, que tratará a compostaxe como ferramenta para dar unha saída ao residuo verde; e Serafín González Prieto, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, que falará sobre Galicia e o lume. 

Como entidades tamén participan o Concello de Allariz, a Comunidade de Montes de Teis, a Sociedade Cooperativa Galega Amarelante, a Mancomunidade de Montes de Vigo, a Comunidade de Montes en Man Común do Couso e a Sociedade Galega de Historia Natural. Os seus representantes darán a súa visión e contarán ás súas experiencias arredor da xestión do monte en Galicia.

Unha xornada na Universidade de Vigo avaliará aproveitamentos alternativos para o bosque galego