Acordo de cooperación científico-tecnolóxica

A USC e Gradiant cooperarán para facilitar a transferencia de tecnoloxía ao tecido empresarial

O reitor da USC, Juan Viaño Rey, e o director xeral de Gradiant, Luís Pérez Freire, veñen de asinar un acordo marco de cooperación científico-tecnolóxica para promover o desenvolvemento conxunto de iniciativas de I+D no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.

A USC e Gradiant cooperarán para facilitar a transferencia de tecnoloxía ao tecido empresarial
O reitor da USC, Juan Viaño e o director xeral de Gradiant, Luís Pérez, asinaron o acordo.
O reitor da USC, Juan Viaño e o director xeral de Gradiant, Luís Pérez, asinaron o acordo.

Logo da sinatura do convenio, o reitor da USC, Juan Viaño, destacou que Gradiant “é un socio estratéxico no ámbito TIC que presta un apoio necesario para desenvolver a misión docente e investigadora e de innovación que a sociedade demanda”.  Pola súa banda, Luís Pérez Freire aludiu a que “este acordo nace coa filosofía de aliñar capacidades de axentes do ecosistema galego de I+D, para facilitar a transferencia de tecnoloxía ao tecido empresarial en sectores estratéxicos para Galicia, e enmárcase dentro dunha liña de intensificación da colaboración de Gradiant con grupos de investigación punteiros en Galicia”.

O acordo, engadiu o director xeral de Gradiant, “permítenos cumprir mellor cos nosos fins fundacionais” e sobre todo facer tecnoloxía competitiva internacionalmente, un obxectivo que demanda talento, porque “ser os mellores require talento”, e nesa aspiración o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS) “permítenos contar con talento galego e, sobre todo, materializalo en tecnoloxía tanxible que chega ao mercado”. 

Acompañaron a Viaño e Pérez na sinatura Paulo Félix Lamas, director do CiTIUS, a través do cal se materializará o traballo co centro vigués, así como o xerente de Gradiant, Fernando Jiménez Míguez, e os integrantes do padroado de Gradiant José L. González Carnero e José L. Albo. 

Desenvolvemento conxunto de I+D
A firma deste acordo facilitará o traballo conxunto no desenvolvemento de proxectos de I+D, favorecendo a transferencia dos resultados obtidos ao sector industrial, mediante a organización de xornadas técnicas ou o acceso a demostradores tecnolóxicos e probas de concepto. Outro dos aspectos máis destacables do acordo é a dirección conxunta de teses doutorais e as estancias de investigación dos profesionais de ambas entidades, permitindo o intercambio de coñecemento  e a xeración de valor en tecnoloxías clve dentro do ámbito das TIC, nun contexto global de dixitalización da industria e a economía. 

“Esperamos que este acordo contribúa a dotar de maior proxección no tecido socioeconómico os nosos resultados científicos”, afirmou Paulo Félix. Para o director do centro de investigación da USC, “o obxectivo é que Gradiant e o CiTIUS compleméntense para converter en tecnoloxía tanxible algúns resultados científicos que xa demostraron ser os mellores a nivel mundial, pero aos que aínda lles falta o último elo da cadea tecnolóxica para converterse en aplicacións reais”. 

Tecnoloxía para o sector da seguridade
Ao amparo deste mesmo acordo, a USC e Gradiant iniciarán nos próximos días un proxecto de investigación centrado en tecnoloxías de vídeo-analítica para a detección de obxectos en vídeo a moi longa distancia. Actualmente, existe unha demanda crecente para o desenvolvemento de tecnoloxía para o sector da seguridade, tanto por parte dos integradores destas solucións como polas empresas e usuarios finais. Grazas aos desenvolvementos que se realizarán no marco deste acordo, será posible ampliar as capacidades dos actuais sistemas de videovixilancia intelixente, para poder abordar aplicacións como a detección temperá de ataques con dróns, as operacións de procura e rescate no mar ou a monitoraxe do tráfico marítimo dende UAVs. 

A USC e Gradiant cooperarán para facilitar a transferencia de tecnoloxía ao tecido empresarial