Un estudo valora a posible ampliación cara ao sur da actual área empresarial

SEA e Concello da Pobra analizan as posibilidades de ampliación do polígono da Tomada

A xerente de Suelo Empresarial do Atlántico (SEA) mantivo un encontro de traballo co alcalde da Pobra do Caramiñal para coñecer o plan que o Concello ten elaborado para a ampliación do polígono da Tomada, logo de esgotarse o solo dispoñible da ampliación que acometeu SEA.
SEA e Concello da Pobra analizan as posibilidades de ampliación do polígono da Tomada
Xuntanza entre o alcalde da Pobra do Caramiñal e a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico.
Xuntanza entre o alcalde da Pobra do Caramiñal e a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico.

Á reunión entre a xerente de Suelo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, e o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, contou coa presenza do técnico encargado do estudo, Juan Antonio Millán e coas concelleiras Charo Varela, de Promoción Económica e Patricia Lojo, de Relacións Institucionais, así como o director comercial de SEA. 

Na reunión proxectouse o estudo elaborado, que segundo destacou o rexedor constata que a ampliación de 190.000 metros cadrados, na zona sur do actual polígono da Tomada, sería viable en canto o aspecto topográfico, dada que a mobilidade de terras sería posible. Non obstante, debido a que se trata dunha proposta moi “proteccionista” estudarase a posibilidade de reducir a zona verde proposta, para tentar chegar a un equilibrio que faga máis viable a nova área empresarial. 

En paralelo, Xosé Lois Piñeiro avanzou que se valorará tamén unha segunda opción de carácter supramunicipal, en colaboración co concello de Ribeira, co que se analizaría a posibilidade de retomar o proxecto dun parque empresarial que sumaría preto dun millón de metros cadrados.

A reunión tivo lugar como parte do compromiso adquirido en febreiro pola xerente de SEA, Beatriz Sestayo, de estudar e analizar a ampliación deste polígono, dada a puxanza desta área e a demanda empresarial que se está a constatar.

En declaracións aos medios tras a reunión Beatriz Sestayo transmitiu a “absoluta coincidencia en ampliar, en chegar a esta terceira fase, e na repercusión favorable que para esta zona sería o poder contar cun novo espazo de dinamización económica e máis en tempos de post covid. Cremos que cando as crises existen, o sector público ten que tirar e facer de motor para o crecemento sostible e para crear emprego e é no que estivemos traballando”.

En canto ao estudo presentado, valorou a “coincidencia no prantexamento de polígonos industriais que sexan sostibles, desde perspectiva medioambiental”, porque “hai que ir da man da industrialización e do respecto ao medio ambiente, pero tamén coa necesidade de que os prezos sexan o más accesibles posibles”

Sestayo lembrou que en SEA “consta a demanda de máis industrias das conservas, é unha zona privilexiada para iso, e polo tanto hai que traballar sobre esa demanda nun borrador técnico para ver se se pode ampliar o solo industrial nas propostas que plantexa a dirección técnica e cos prezos máis baratos atendendo ao e respecto medioambiental”.

En todo caso, o alcalde aclarou que a idea inicial presentada hoxe é a ampliación cara o sur e respectando a distancia de 200 metros de distancia ás vivendas. Ademáis, proporase a creación dun muro verde “para protexer aos veciños e manter a súa tranquilidade” e sinalou que se informará aos cidadáns con total transparencia en canto exista unha proposta firme. 

18 empresas instaladas no polígono da Tomada

En 2019 finalizouse a venta dos terreos dispoñibles na ampliación da Tomada, tan só catro anos despois da súa inauguración, coa ocupación total dos 106.000 metros cadrados dispoñibles, por parte de ata seis empresas. Na área da Tomada están instaladas 18 empresas: Alimentros Cruz del Sur (Alicrusa), Luís Escurís Batalla, DS Smith Packaging Cartogal, Mobalco, Talleres López Vilar, Lumar Seafood International, Autocares Barbantia, Lumafer S.L., Grupo Roig, tenda de hostelería, Transportes Atlas S.L., Transportes Mapir, Conxelados Campos, Total Rapid Oil Taller, Actemsa fábrica de conservas S.L., Talleres Fontao, Congalsa, Suflenorsa e Ferdoba.

Na actualidade, SEA está elaborando ademáis o seu primeiro plan estratéxico, en busca dunha estratexia que permita coñecer as necesidades das empresas para asentarse nos parques empresariais.

SEA e Concello da Pobra analizan as posibilidades de ampliación do polígono da Tomada