Imprimir

Tres proxectos liderados por mulleres, recoñecidos nuns galardóns do Ministerio de Agricultura

Redacción | 15 de octubre de 2020

O ministro Luis Planas coas galardoadas cos “Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais”.
O ministro Luis Planas coas galardoadas cos “Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais”.
Cabaniñas do bosque, RIR & CO Deseño Téxtil Artesán e Trasdeza Natur son os tres proxctos de emprendemento liderados por mulleres que este mércores á noite recibiron un dos "Premios de Excelencia á Innovación para as Mulleres Rurais" que entrega o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A 11ª edición dos “Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais” recoñeceron os traballos de dez mulleres vencelladas co medio rural, dos que tresson de empresas e proxectos impulsados por galegas.

O primeiro premio na categoría "Excelencia á innovación na diversificación da actividade económica do medio rural ou zonas costeiras"  foi concedido ao proxecto “Cabaniñas do bosque. A dispersión rural como oportunidade para a innovación”, presentado pola sociedade  Do  Artesanato, fincada en Outes (A Coruña) especializada en turismo sostible e accesible. Esta empresa familiar, creada por Saladina  Turnes, Manuel Lema e a súa filla Renata, conta con 146 prazas de aloxamento distribuídas en diferentes tipoloxías, entre as que destacan as cabaniñas do bosque, espazos de gran calidade situados entre as ramas das árbores. Contan con catro complexos de cabanas, situados en diferentes núcleos rurais, co que se evita a sobrecarga de turismo.

O segundo premio é para o proxecto “RIR & CO Deseño Téxtil Artesán”, de Inés Rodríguez Rodríguez, propietaria dun estudo téxtil artesán situado en Allariz (Ourense), no que se mostran utensilios antigos relacionados coa cultura rural téxtil da zona. Inés Rodríguez vende os seus produtos na súa tenda física e a través de internet, onde tamén ofrece produtos doutros artesáns relacionados con Márcaa Artesanía de Galicia.

O terceiro premio na categoría de “Excelencia á Innovación da Actividade Agraria” recaíu en María José Tallón García, pola iniciativa “Trasdeza  Natur”, de Silleda (Pontevedra), dedicada á produción e transformación de produtos vexetais de horta ecolóxica. Trátase dun proxecto orixinal e novo no ámbito rural galego, pioneiro ademais no desenvolvemento e aplicación da tecnoloxía solar.

Felicitacións do delegado do Goberno

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou  o novo recoñecemento á iniciativa empresarial das mulleres rurais galegas que supoñen estes galardóns. Losada lembra que se trata de premios a nivel nacional que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación convoca anualmente para dar visibilidade ao labor das mulleres rurais na diversificación da actividade económica e as actuacións emprendedoras no territorio. Estes premios, ademais,amosan o compromiso coas políticas que impulsan a igualdade de xénero plena, favorecen o acceso aos mozos á actividade agraria e fomentan a diversificación da actividade agraria no medio rural, o que contribúe a frear o despoboamento das contornas rurais. O delegado do Goberno felicita ás galardoadas e agarda que supoñan de exemplo para outras mulleres que estean traballando para crear novas oportunidades no mundo rural.

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/protagonistas/proxectos-liderados-mulleres-reconecidos-nuns-galardons-do-ministerio-agricultura/20201015102951015328.html


© 2020 Economía en Galicia

Contacto: [email protected]miaengalicia.com - [email protected]  

Aviso legal