A presentación de candidaturas abre o próximo 14 de setembro

Os Premios Artesanía de Galicia voltarán recoñecer o labor do sector artesán

Un ano máis, a Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca os Premios Artesanía de Galicia 2019 co obxectivo de recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e á súa visibilización.
Os Premios Artesanía de Galicia voltarán recoñecer o labor do sector artesán
Foto de familia de los Premios Artesanía de Galicia./C.PAZ.
Foto de familia dunha edición anterior dos Premios Artesanía de Galicia./C.PAZ.

Os galardóns, dotados cun importe total de 13.000 euros, contan con tres categorías: Premio Artesanía de Galicia 2019, dotado con 9.000 euros; Premio Traxectoria, de carácter honorífico; e a Bolsa Eloy Gesto, cun importe de 4.000 euros para investir en formación especializada nun centro de prestixio.

Este certame contribúe a poñer en valor o sector artesán galego, así como a divulgar o traballo dos profesionais entre a sociedade; potenciar a creatividade; promover a captación do talento dentro do sector, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada; e a impulsar o relevo xeracional ao tempo que se aposta pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.

O Premio Artesanía de Galicia está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da artesanía galega, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra.

O Premio Traxectoria ten carácter honorífico e trátase dun premio outorgado polo propio sector. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da artesanía galega, a calidade do seu traballo, así como o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos do sector. O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable de 20 anos. As candidaturas poderanas presentar obradoiros rexistrados, asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.

A través da Bolsa Eloy Gesto a Xunta busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, a calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais. Poderán participar todos os artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cunha idade máxima de 40 anos no ano 2019.

O prazo de recepción de solicitudes aos Premios Artesanía de Galicia estará aberto desde o vindeiro día 14 de setembro ata o 21 de outubro.

Os Premios Artesanía de Galicia voltarán recoñecer o labor do sector artesán