Deputación e Abanca renovan o acordo

O Plan Activamos Transforma Ourense leva inxectados máis de 77 millóns de euros no tecido produtivo ourensán

A Deputación de Ourense e Abanca veñen de renovar o convenio do Plan Activamos Transforma Ourense, que, nos seus tres primeiros anos, inxectou 77,7 millóns de euros no tecido produtivo da provincia.

O Plan Activamos Transforma Ourense leva inxectados máis de 77 millóns de euros no tecido produtivo ourensán
Rubén Saavedra detallou o balance do Plan Activamos Transforma Ourense./P.L.
Rubén Saavedra detallou o balance do Plan Activamos Transforma Ourense./P.L.

Nun acto  que contou coa asistencia dun destacado grupo de alcaldes ourensáns, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e máis o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa, ratificaron o acordo que facilitará un ano máis o acceso a crédito a pemes, familias e corporacións locais.

Novoa expresou a súa satisfacción “por poder renovar esta alianza e seguir impulsando o desenvolvemento económico e social da provincia a través do crédito” mentres que Baltar cualificou esta cooperación con Abanca como “unha aposta, clara evidente e con resultados”. “Ver agora –dixo- esas cifras de máis de 77 millóns de euros en financiamento para a provincia de Ourense e esas máis de 2.600 operacións formalizadas para impulsar a competitividade, fan que as miñas palabras sexan de parabéns para Abanca pola xestión deste plan, que nós difundimos e incentivamos”. 

Balance e novidades

O director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, foi o encargado de detallar o balance das tres anteriores edicións do Plan Activamos así como as novidades para o presente ano. Son 77,7 millóns de euros os achegados en créditos en condicións ventaxosas en 2.627 operacións, unha “chuvia fina” que beneficiou, en particular, ás pequenas e medianas empresas, que recibiron 72 millóns. “9 de cada 10 operacións foron firmadas por pemes - explicou Saavedra-basicamente para financiar necesidades diarias de liquidez a través de pólizas de crédito e para investir en novos negocios”. 

Para o sector empresarial, o Plan Activamos Transforma Ourense mantén nesta nova convocatoria as cinco liñas de axuda (para emprendedores, novos investimentos, creación de emprego, circulante e mellora da eficiencia enerxética) ao tempo que amplía os importes (ata os 200.000 euros) e os prazos.

Outra das novidades está nas liñas dirixidas ás familias, que pasan de catro a cinco ao incorporarse unha nova de rehabilitación e reforma de vivenda no medio rural. Neste tempo, inxectaron preto dun millón de euros en crédito na provincia, principalmente para financiar pequenas obras de mellora enerxética no fogar e actividades de formación. O importe medio destes préstamos foi de case 11.000 euros.

Para as corporacións locais continúan as catro liñas establecidas (préstamo para investimentos, póliza de crédito para circulante, avais e confirming). Neste período formalizáronse un total de 33 operacións por un importe total de 4,7 millóns de euros. 

Liñas similares nas outras tres provincias

Abanca mantén convenios similares coas outras tres deputacións galegas. En total, e a falta de pechar os últimos balances na Coruña, Lugo e Pontevedra, desde 2014 son máis de 500 millóns de euros os achegados pola vía do crédito a pemes, familias e concellos galegos. 

O Plan Activamos Transforma Ourense leva inxectados máis de 77 millóns de euros no tecido produtivo ourensán