Agris, Icos, Cogasar, Coelplan e Leira convértense nunha cooperativa de primeiro grao

A nova cooperativa Aira integrará máis de 2.800 agricultores e gandeiros

Os consellos reitores das cooperativas Agris, Icos, Cogasar, Coelplan e Leira, xunto coa cooperativa e fábrica de pensos Aira, da que todas forman parte, acordaron fusionarse nunha única cooperativa de primeiro grao que manterá o nome de Aira.

A nova cooperativa Aira integrará máis de 2.800 agricultores e gandeiros
20170613_cooperativaAira
Os presidentes das cooperativas que integrarán Aira: Leira, Coelplan, Agris, Aira, Icos e Cogasar./AGACA.

Durante as próximas xornadas, cada cooperativa manterá diversas reunións cos respectivos socios e empregados para informar cumpridamente e resolver todas as posibles dúbidas que poidan xurdir. A decisión final dependerá, con todo, de que os socios ratifiquen a decisión durante o exercicio das respectivas asembleas xerais, que terán lugar antes do 30 de xuño. De aprobarse, a entidade estaría preparada para comezar a súa operatividade o 1 de xaneiro de 2018.

Os datos da nova cooperativa

Máis de 2.800 agricultores e gandeiros, das catro provincias galegas pero en especial de Lugo e do noroeste de Pontevedra, integrarán esta nova cooperativa que contará con 220 empregados repartidos en 15 centros de traballo.

A produción de leite dos socios supera os 310 millóns de litros anuais, repartidos entre 1.100 explotacións. A nova Aira suma a fabricación de 200.000 toneladas de pensos e mesturas que distribúe a máis de 2.100 explotacións.

As vendas e servizos conxuntos arroxan unha cifra de negocio de 93 millóns de euros para os que a sociedade conta cuns activos de máis de 43 millóns de euros. O Plan de Negocio da nova cooperativa Aira prevé —para os tres primeiros anos— un incremento, na cifra de negocio superior ao 10%, cun investimento anual de máis de 2 millóns de euros.

A cooperativa anuncia que a intercooperación "segue sendo un eixo fundamental na estratexia do grupo", que continuará mantendo e ampliando a intercooperación co resto de cooperativas a través da súa participación nas entidades Delagro, Dairylac, Ucoga, Daira Food, Artesáns Gandeiros, Acolat, entre outras.

Liñas estratéxicas

O obxectivo fundamental da constitución desta nova cooperativa de primeiro grao é valorizar a produción dos socios, "apostando pola integración comercial e industrial láctea desenvolvendo unha oferta diferenciada e de valor engadido en leite desde o impulso á comercialización e transformación da produción dos socios".

Por outra banda, garantirase a sustentabilidade do conxunto —a nivel social, comercial e financeiro—, mellorando a xestión e eficiencia, "xerando e optimizando recursos e aproveitando sinerxía"s.

O impulso comercial será outra das grandes engrenaxes mediante un maior desenvolvemento da política e xestión comercial e de márketing; a creación dun ámbito específico de atención a socios e clientes; o incremento nas vendas de produtos de alimentación animal; a integración de servizos profesionais agrarios; a mellora na xestión da distribución (espazos comerciais -subministración de combustibles, transportes…); o incremento das vendas das subministracións agrogandeiras e a expansión dos servizos de valor engadido, á par dos agrarios.

A nova cooperativa Aira integrará máis de 2.800 agricultores e gandeiros