En Galicia as sociedades laborais xeran case 2.600 postos de traballo

As mulleres son xa o 41% das persoas socias das sociedades laborais galegas

A  presenza de mulleres nas sociedades laborais galegas pasou do 35% en 2009 ao 41% en 2018, segundo datos recollidos no Libro Branco da Economía Social en Galicia.
As mulleres son xa o 41% das persoas socias das sociedades laborais galegas
Berta Lema, xerente de Aesgal.
Berta Lema, xerente de Aesgal.

As sociedades laborais constitúen a segunda familia máis importante da economía social en Galicia. Unha fórmula empresarial baseada nos principios de democracia, participación e colaboración entre entidades. A Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL) traballa desde hai dez anos pola promoción e consolidación deste xeito de facer empresa que demostra a súa utilidade para xerar emprego estable, de calidade e comprometido coa igualdade. E é que a presenza de mulleres neste eido é cada vez maior. Se no 2009 o 35% das persoas socias eran mulleres, no ano 2018 esta porcentaxe aumentaba ata o 41%, moi preto dese tan necesario 50%, segundo datos recollidos no Libro Branco da Economía Social en Galicia.

As sociedades laborais supoñen, deste xeito, unha alternativa baixo a cal as mulleres emprendedoras poidan poñer en marcha o seu negocio ou participar activamente en proxectos xa comezados, tanto como socias, socias traballadoras ou traballadoras. Os programas de promoción do talento feminino e de conciliación familiar forman parte do ADN desta fórmula empresarial, e das entidades da economía social no seu conxunto, que recolle entre os seus valores o compromiso coa igualdade laboral entre homes e mulleres.

En Galicia as sociedades laborais xeran 2.597 postos de traballo, tal e como recolle o estudo anteriormente citado. Un modelo empresarial que cobra especial forza no sector servizos e que está a gañar presenza no sector agrario, poñendo de manifesto a importancia de optar por modelos de emprendemento de corte social no eido rural. En Galicia, o conxunto de empresas amparadas baixo esta fórmula facturan uns 360 millóns de euros ao ano, segundo datos da Xunta de Galicia.

As mulleres son xa o 41% das persoas socias das sociedades laborais galegas