Imprimir

Miles de galegas reivindican a igualdade de oportunidades

Redacción Economía en Galicia | 08 de marzo de 2019

Concentración no Día da Muller Traballadora en Ourense.
Concentración no Día da Muller Traballadora en Ourense.

O S.N. de CCOO de Galicia, UGT-Galicia e CIG avalían o seguimento da folga de mulleres deste 8 de marzo, que tildan de “masivo” e que agardan continúe nas manfistacións convocadas para este serán nas principais vilas e cidades galegas polo movemento feminista.

Para UGT e CCOO, o “apoio maioritario” da sociedade galega a esta convocatoria é a proba de que as reivindicacións do sindicalismo de clase, compartidas polo movemento feminista, son tamén maioritarias entre os galegos e as galegas: cómpre denunciar e desterrar a fenda salarial, a precariedade laboral das mulleres e o acoso e a violencia de xénero.

CCOO e UGT coidan que a data de hoxe é “histórica”, como xa sucedeu o ano pasado. O apoio á folga amosa o total rexeitamento da sociedade galega á situación que padecen as mulleres do noso país. Ambos sindicatos denuncian a “discriminación laboral e salarial” das traballadoras galegas: a igual formación, os homes acadan maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos. Ademais, a fenda salarial é de 23 puntos. Tamén critican a existencia dun “teito de cristal” que provoca que só o 2,3 % da poboación ocupada feminina estea en postos de dirección ou xerencia.

Ademais, denuncian a precariedade que sofren as mulleres galegas no eido laboral, moito máis incisiva que no caso dos homes. Así, a taxa de temporalidade feminina é de 27,5 puntos, fronte aos 25,6 puntos que soportan os homes e, ademais, as diferenzas increméntanse nestes últimos anos. A taxa de desemprego feminina supera en 2 puntos á masculina e a súa diferenza increméntase dende o ano 2012. O 89,5 por cento das persoas que non acceden ao mercado laboral por ter que coidar menores, persoas adultas enfermas ou dependentes son mulleres. A porcentaxe de mulleres ocupadas a tempo parcial ascende ao 77,4%, fronte ao 22,6% dos homes que traballan baixo esta modalidade. O 76,4 por cento das reducións de xornada seguen a ser solicitadas por mulleres e a brecha das pensións é de 36,3 puntos.

Desde a CIG, pola súa banda, destacaron que miles de galegas están a secundar a folga convocada neste Día Internacional da Muller Traballadora, para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. Pero hai que lembrar que esta é unha folga que traspasa o ámbito laboral, afectando ao ensino, ao consumo e aos coidados.

Máis alá de porcentaxes de seguimento, a secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, salienta que "o verdadeiro éxito desta convocatoria reside en que "as mulleres fomos quen de pór no centro dos debates as discriminacións e as violencias que sufrimos polo mero feito de sermos mulleres, ou a necesidade de que os coidados sexan asumidos como unha problemática que se debe abordar desde as institucións, sen depositar en nós a súa responsabilidade". 

Seguimento da folga

Segundo informan desde a CIG, o seguimento da folga na sanidade pública é moi elevado, xa que só están entrando as traballadoras nomeadas en servizos mínimos e ten especial incidencia na Atención Primaria. Nos centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (residencias de maiores, centros de día e escolas Galiña Azul), o paro é masivo e un éxito rotundo, cubríndose unicamente os servizos mínimo.

As traballadoras de ambulancias, que están na terceira semana de folga por un convenio colectivo digno, tamén se sumaron nesta xornada á folga de mulleres, reivindicando o seu traballo nun sector profundamente masculinizado.

Na comarca de Vigo, a limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro está a verse afectada a causa do paro de 24 horas, como tamén o servizo de cociña do centro médico vigués. Ao igual que a recollida do lixo, que xestiona a empresa FCC, e o mantemento dos parques e xardíns, do que se encarga Althenia. No sector industrial hai que salientar a incidencia en empresas como Denso, GKN, Alonarti, Marsan, BorgWarner, Plastic Omnium, Asientos de Galicia, Viza, Alymosa, TRW, Domiberia ou Carchidea. Destacábel o seguimento da folga entre as traballadoras de Copo Galicia, tanto na quenda de noite como na da mañá. Outras empresas nas que está a ter impacto son algunhas de alimentación como Frigolouro, Cerqueira, Valcárcel, Orbe, Fandicosta, Mascato ou Conservas Rías Baixas e do téxtil como Bimba y Lola, Pili Carrera, Paz Rodríguez e Selmark. De igual xeito, rexístrase un elevado seguimento en empresas importantes do sector dos centros de chamadas como Bosch e Unísono. Por último, empresas do transporte como Gefco ou Vitrasa tamén rexistran un importante seguimento.

No caso de Pontevedra, a folga deixouse notar en empresas de frío industrial situadas no Porto de Marín como Marfrio ou Cabomar. En Treves, firma do sector da automoción, o seguimento está a ser total, mentres que en Ferrovial, concesionaria da limpeza viaria sitúase en torno ao 80%. No caso de Acciona, que ese encarga da limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo baixa ao 40%.

Na área da Coruña a folga tivo incidencia na administración pública, pois pecharon todos os centros cívicos da cidade, a Casa Casares e a Casa María Pita. E tamén parte das traballadoras de axuda a domicilio se sumaron ao paro. Agárdase un seguimento importante no comercio e no comedor de Zara Loxística a maioría das  traballadoras van á folga, polo que non se poderán dar comidas. No sector industrial, as traballadoras de Celsa Atlantic da Laracha tamén foron á folga e o 50% da traballadoras de Ferroatlántica de Cee. En Extel e Atento, dúas das grandes empresas do sector de atención telefónica da Coruña, o seguimento supera o 85%.

En Santiago, o 100% das traballadoras da cafetería do Hospital Clínico non acudiron aos seus postos. Arredor do 90% das empregadas do Concello de Santiago están en folga e máis do 50% das traballadoras de axuda no fogar do Concello de Brión e Ames. Caso salientábel o da condutora do lixo de Sogama, a única muller que hai neste servizo, que tamén está facendo folga.

En Ferrol o paro séntese entre as mulleres que traballan nos estaleiros de Navantia, onde houbo un piquete informativo ás portas da antiga Bazán, na fábrica de Einsa (As Ponte) e na planta de Indipunt (Narón). Rexístrase paro tamén en Arteixo Telecom, na Administración local, nas oficinas de Correos e en tres residencias da comarca o seguimento é do 100%.

Na provincia de Lugo, nas residencias de maiores de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Abeiro Gold hai un importante seguimento da folga, tal e como acontece tamén en Abante BPO, empresa do sector dos centros de chamadas e unha das máis grandes da cidade. En Monforte a folga de mulleres estase sentido amplamente no servizo de axuda no fogar e entre as traballadoras do Concello.

En Ourense, a folga de mulleres faise notar en empresas do sector dos centros de chamadas como Unitono e Contacnova ou en compañías da industria aeronáutica como Coasa.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/ultima-hora/miles-galegas-reivindican-igualdade-oportunidades/20190308174042009953.html


© 2019 Economía en Galicia

Contacto: [email protected] - [email protected]  

Aviso legal