Plan de Práctica Laboral 2018

Máis de 140 mozos pontevedreses realizarán prácticas na Deputación e en concellos da provincia

Máis de 140 mozos da provincia de Pontevedra van realizar prácticas laborais en distintos concellos e na Deputación de Pontevedra a través do Plan de Práctica Laboral 2018 posto en marcha pola institución provincial.

Máis de 140 mozos pontevedreses realizarán prácticas na Deputación e en concellos da provincia
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra.
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación de prazas para esta iniciativa. As estadías laborais comezarán este vindeiro luns 2 de xullo e prolongaranse durante seis meses, prorrogables por outros seis máis.

En total, o Plan de Práctica Laboral 2018 permitirá que preto de 150 mozos e mozas se beneficien este ano deste programa: algo máis de 100 estarán en 57 concellos da provincia e máis de 40 realizarán as súas estadías laborais nas distintas áreas da Deputación. Entre os bolseiros con titulación universitaria, os graos máis demandados foron Traballo Social, Dereito, Dirección e Xestión Pública, Relacións Laborais e Recursos Humanos e Educación Social. En canto aos ciclos superiores de Formación Profesional, aqueles con máis beneficiarios e beneficiarias son Administración e Finanzas e Xestión Forestal e do Medio Ambiente.

O obxectivo deste programa é que mozos e mozas da provincia con titulacións universitarias ou ciclos superiores de formación profesional accedan a estadías laborais en concellos de menos de 50.000 habitantes e na Deputación para así mellorar a súa experiencia laboral. Este ano houbo unha suba de 40 euros nas contías que percibirán os bolseiros, de xeito que quedan en 840 euros para as persoas con titulación universitaria e 740 euros ao mes para as persoas de ciclos superiores de formación profesional.

Bolseiros para as oficinas de turismo

Un total de catro mozas comezarán tamén este luns as súas estadías laborais nas oficinas de turismo de Cangas, Marín e Moaña, a través das bolsas de práctica laboral para oficinas de Turismo Rías Baixas 2018, cuxa adxudicación vén de aprobar tamén a Deputación de Pontevedra en Xunta de Goberno.

Estas bolsas diríxense a titulados con diplomatura ou grao en Turismo, ciclo superior en Información e Asistencia Turística ou ciclo superior en Guía, Información e Asistencia Turística, así como certificado de profesionalidade en Promoción Turística Local e Información ao Visitante. Tamén teñen unha duración de seis meses, prorrogables por seis máis. As persoas tituladas ou graduadas percibirán 840 euros ao mes, 740 as técnicas superiores e 640 as posuidoras do certificado de profesionalidade.

Máis de 140 mozos pontevedreses realizarán prácticas na Deputación e en concellos da provincia