Segundo un informe do profesor da UDC Carlos Aymerich encargado pola CIG

Unha intervención pública en Alcoa San Cibrao sería conforme a dereito

Un informe xurídico encargado pola CIG considera que non hai ningún impedimento legal para a intervención pública da planta de Alcoa en San Cibrao.
Unha intervención pública en Alcoa San Cibrao sería conforme a dereito
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (3º pola dereito) xunto ao profesor da UDC Carlos Aymerich (2º pola dereita) e outros representantes sindicais da CIG.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (3º pola dereito) xunto ao profesor da UDC Carlos Aymerich (2º pola dereita) e outros representantes sindicais da CIG.

O sindicato CIG fixo público este luns o informe xurídico elaborado polo profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, Carlos Aymerich, a respecto da posibilidade e as modalidades da adquisición pública das factorías de aluminio primario de San Cibrao, A Coruña e Avilés, como vía para manter a actividade e o emprego nun sector considerado estratéxico. Esta intervención resulta plenamente conforme ao ordenamento español e europeo e podería facela tanto a Administración estatal, como a galega ou ambas as dúas, indica o informe.

O documento foi solicitado pola central sindical e vén completar e actualizar o informe previo elaborado por Aymerich, tamén a petición da CIG, tendo en conta a situación da planta de Alcoa San Cibrao, o incumprimento das condicións de venda das factorías da Coruña e Avilés e os cambios na UE a raíz da crise sanitaria da covid-19.

Contido do informe 

O profesor Carlos Aymerich  expuxo que, dende o punto de vista legal, non hai impedimento no dereito español nin europeo para que os gobernos interveñan as factorías de aluminio, "pero precísase é vontade política". Salientou que os poderes públicos galego e español poden recorrer á recapitalización ou á toma de control público das plantas para garantir garantir o mantemento da actividade e o emprego.

Sobre a recapitalización, referiuse ás medidas de aprobadas pola UE en maio para a entrada dos poderes públicos no capital das empresas, especialmente naquelas que operan en sectores considerados estratéxicos, como é o sector do aluminio. Unha tendencia que xa viña dándose en varios estados da Unión e que a pandemia acentuou. Explicou o profesor que a planta de Alcoa San Cibrao podería beneficiarse destas axudas de recapitalización, aplicábeis tanto polo goberno galego como o español, ou ambos os dous en conxunto, na procura dun socio industrial solvente. Esta operación, matizou, tería que ser solicitada de forma expresa pola empresa e requiriría da súa colaboración.

No caso de que Alcoa decidira pechar ou reducir substancialmente a produción de aluminio primario, negándose a cooperar para manter a actividade produtiva, as Administracións "debería empregar todos os medios que o ordenamento lles habilita, entre eles a nacionalización da fábrica. Por moitos menos cartos do que custou o rescate das autovías radiais de Madrid pódese garantir a produción de aluminio primario e os postos de traballo", afirmou o profesor.

Esta nacionalización xustificaríase en aras do salvagardar o interese xeral e a utilidade social destas instalacións, atendendo ao elevado volume de emprego, a completar o ciclo produtivo ou á importancia da produción do aluminio para sectores como o automobilístico, aeroespacial, construción naval, edificación, etc. Esta intervención tamén é extensíbel ás fábricas de aluminio primario da Coruña e Avilés.

A nacionalización, aclarou, "podería efectivizarse a través dos procedementos xerais previstos na Lei de Expropiación Forzosa ou por medio dunha lei que articulase un procedemento expropiatorio específico". Neste suposto, subliñou Aymerich, Alcoa estaría obrigada a prover de alúmina ás plantas en condicións de mercado.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que "en abril de 2019 presentamos o primeiro Informe sobre adquisición pública das factorías de Alcoa A Coruña e Avilés, e hoxe actualizámolo sobre a dramática realidade en San Cibrao". Lembrou que daquela, a central nacionalista remitiulle o parecer xurídico ao presidente da Xunta, á ministra de Transición Ecolóxica e á ministra  de Industria, "sen que a día de hoxe tiveran dado ningún paso, máis ben ao contrario. O lamentábel papel da Xunta de Galiza e do Goberno español ten creado as condicións para a tormenta perfecta que nos pode levar á ruína".

A CIG reclama actuacións

Por iso, a CIG reclama ao Goberno galego e ao Goberno español actuación rápidas e decididas "para intervir publicamente as fábricas por calquera das vía que legalmente está demostrado son posíbeis,  porque é a única vía a día de hoxe para garantir o emprego, a actividade produtiva do aluminio e que as cubas non paren en San Cibrao".

Nesta liña, Águeda Montero, delegada da CIG en Alcoa San Cibrao, reclamou a intervención con urxencia porque "co ERE enriba da mesa non temos tempo para desenvolver a proposta que presentou o Ministerio nin materializar outras solucións". Julio Moskowich, delegado da central en Alu Ibérica, aseverou que "sería imperdoábel que se perdera a produción de aluminio primario en Galiza" e alertou da enorme incerteza que pesa sobre a planta Coruña tras os incumprimentos de Parter no plan industrial e a dubida adquisición de Industrial Riesgo. "Moito nos tememos que haxa unha descapitalización da empresa e non se cumpra nin un só dos compromisos. A intervención é a única saída", sentenciou. 

Unha intervención pública en Alcoa San Cibrao sería conforme a dereito