Entregáronse 16.200 euros en premios repartidos en tarxetas prepago

Entréganse os premios da campaña Días Azuis do Comercio Galego

A Federación Galega de Comercio, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria e Abanca, entregou en Santiago os premios correspondentes á edición de outono da campaña de dinamización “Días Azuis do Comercio Galego”.
Entréganse os premios da campaña Días Azuis do Comercio Galego
Entrega dun dos vales prepago a un dos gañadores da campaña "Días azuis do Comercio Galego".
Entrega dun dos vales prepago a un dos gañadores da campaña "Días azuis do Comercio Galego".

No transcurso do acto fíxose entrega dos 16.200 euros en premios repartidos en tarxetas prepago de 300 e de 150 euros aos premiados, pertencentes ás catro provincias galegas. O listado completo dos 80 premiados pode consultarse en www.diasazuis.com/ganadores.

Esta edición outonal da campaña “Días Azuis do Comercio Galego” tivo lugar entre o 1 e o 20 de outubro. É a cuarta vez que se desenvolve esta iniciativa, e a primeira ocasión na que se celebran dúas edicións anuais, sendo o obxectivo principal dinamizar as vendas no comercio de proximidade e premiar a fidelidade dos clientes. O éxito da campaña, que “axudou  a ter nos nosos comercios, nas nosas rúas, nas nosas vilas e nas nosas cidades, un outono máis azul ca nunca” foi destacado por José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio.

A implicación na iniciativa promocional foi moi alta, tanto por parte dos comerciantes como dos consumidores, acadándose máis de 108.700 participacións. Por ese motivo, Seijas destacou especialmente a “colaboración das federacións provinciais de comercio, asociacións e centros comerciais abertos no bo desenrolo da campaña, que fai que cada ano sexan máis os establecementos, vilas e cidades que participan”.

Ademáis, suliñou a necesidade de desenvolver actuacións deste tipo “en positivo, que dan a coñecer os nosos establecementos, achegan os clientes ás tendas, dinamizan as rúas e fomentan as vendas”. Tamén falou da intensa actividade que está a realizar a Federación en colaboración coa Consellería de Economía en materia de dixitalización, con proxectos tan importantes como a implantación do ticket electrónico, o sistema integral de xestión e venda para o comercio Sicomercio.es e a plataforma de dixitalización Comerciogalicia.es.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou que os establecementos de proximidade debe saber anticiparse aos novos desafíos respondendo con innovación e buscando o grao extra de diversificación ao tempo que se pon ao cliente no centro da súa estratexia. Na súa intervención, o conselleiro apuntou que o comercio, que representa algo máis do 14% do tecido empresarial galego, significa calidade de vida para o seu entorno. Tal e como destacou, o obxectivo debe ser seguir crecendo e diversificando a actividade sen que se
desvirtúe a identidade de cada negocio. Para apoiar ese crecemento, a Xunta ten en marcha Comercio 360, unha iniciativa que busca a competitividade a través da dixitalización, a economía circular e o produto local. 

No transcurso do acto, falou tamén o director de Banca de Particulares de Abanca, Manuel Nogueira Fernández, quen aplaudiu o éxito de participación acadado nesta nova edición e encadrou a colaboración da entidade bancaria como un exemplo máis do “compromiso” da entidade financeira co comercio de proximidade. Na súa intervención, explicou que Abanca pon a disposición dos establecementos “unha oferta completa e adaptada, ademais de solucións personalizadas como ‘Aplazos’, para o financiamento da clientela, ou ‘Alavuelta’, que os axuda a crecer e a tomar decisións de negocio aproveitando as vantaxes da dixitalización”.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industriao presidente da Federación Galega de Comercio, o director de Banca de Particulares de Abanca, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, encabezaron o acto de entrega dos premios, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela e contou coa presencia dunha boa representación dos premiados, así como das federacións de comercio, asociacións e centros comerciais abertos de toda Galicia.

Entréganse os premios da campaña Días Azuis do Comercio Galego