Imprimir

Empresariado pontevedrés e do Alto Minho reivindican a reapertura da fronteira con Portugal

Redacción | 01 de junio de 2020

Reunión promovida pola AECT Río Minho con asociacións empresariais portuguesas e lusas.
Reunión promovida pola AECT Río Minho con asociacións empresariais portuguesas e lusas.
O empresariado da provincia de Pontevedra e do Alto Minho uniuse hoxe á reivindicación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) de abrir urxentemente todos os pasos da fronteira con Portugal facilitando a mobilidade co país veciño.

Os empresarios pontevedreses e o do Alto Minho apostan pola activación de instrumentos de compensación económica polas perdas producidas no territorio ‘raiano' con motivo da crise derivada da covid-19, que a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño pretende concretar nun Investimento Territorial Integrado (ITI) para o territorio do Miño.

O "apoio total" ás reivindicacións púxose de manifesto nun encontro virtual no que participaron o director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, co presidente da Confederación de Empresarios da Provincia (CEP), Jorge Cebreiros; o presidente da CEVAL (Confederación Empresarial do Alto Minho) Luis Ceia; e o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso, xunto co profesor Martínez Cobas, autor do estudo de impacto económico encargado polo AECT á Universidade de Vigo. Todos eles coincidiron na situación "tremenda" que están a vivir empresarios e traballadores da fronteira, xa que sofren unha actividade totalmente mermada pola existencia dun único paso transfronteirizo, e a obriga de dar rodeos de 100 quilómetros para acudir aos seus postos de traballo.

Jorge Cebreiros felicitou ao AECT pola iniciativa de ter encargado o estudo, e destacou que a realidade económica da fronteira do Miño revela o seu dinamismo. Subliñou que os 70 quilómetros dos 2.000 de toda a fronteira entre España e Portugal concentran o 50% do tráfico transfronteirizo. "Este dinamismo xa debería ser suficiente para ter un tratamento asimétrico. Que só estea habilitado un paso en Tui-Valença para o 50% do tránsito non é nin xusto nin proporcional", subliñou, lembrando que a situación crea transtornos tanto para o tráfico de persoas, como de mercadorías como, nomeadamente, do turismo.

"Téñense que abrir xa todos os pasos da fronteira. Non hai razóns obxectivas para o peche", subliñou, para insistir en que se están a poñer trabas continuas á potencia económica que é a provincia. "Por unha vez non estamos nun problema norte/sur. Estamos nun problema centro/periferia, porque nin Lisboa nin Madrid saben o que é a fronteira. Non coñecen o grandísimo dinamismo nin a nosa realidade económica. Está claro que logo de avaliar o impacto económico, haberá que habilitar instrumentos de compensación", finalizou.

Pola súa banda, Luis Ceia, presidente de CEVAL, tamén manifestou o seu total acordo coa necesidade de apertura inminente da fronteira. Destacou que é preciso mellorar a mobilidade raiana con urxencia porque según os datos publicados, entre o 16 de marzo e o 29 de maio cruzaron o único paso habilitado unhas 200.000 persoas. "As empresas e as actividades na fronteira están a ter problemas. Está claro o exemplo do comercio da Fortaleza, que non ten clientes. A esa xente haina que compensar dalgún xeito", sinalou.

Tamén na mesma liña se significou o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso, quen puxo sobre a mesa as constantes dificultades que supón a volta á normalidade nunha situación de peche da fronteira. "É lamentable que a grande mobilidade que temos, máis do 50% do tráfico, non teña peso específico para que se abran máis pasos", destacou, para facer fincapé no custe de tempo e cartos que supón a existencia dun só paso para persoas traballadoras da ‘raia' e as súas empresas.

Alonso puxo tamén o foco no turismo e salientou que supón o 13% do PIB en Galicia e o 12% da ocupación, datos que segundo dixo son máis significativos se se cinguen á provincia de Pontevedra. "A tempada está aí. Non hai peregrinos, non hai xente de fóra. Temos que coidar o transfronteirizo e facer unha grande campaña de promoción turística para animar á xente da Eurorrexión", finalizou.

Pola súa parte, o director do AECT Uxío Benítez, manifestou o seu agrado pola reunión co empresariado. Destacou que o posicionamento conxunto de todos os sectores afectados polo peche da fronteira fará unha maior forza ante "os e as que teñen que dar a solución deste ‘sen sentido'". Insistiu en que o AECT seguirá dando os pasos precisos en todos os ámbitos.

Ademais deste encontro co sector empresarial, o director do AECT Río Minho tiña previsto manter na tarde deste luns un encontro cos alcaldes e alcaldesas da fronteira do Miño tanto da parte pontevedresa como lusa. Reuniranse para concretar as accións de protesta conxunta e inminente despois de que o ultimátum para a apertura de máis pasos fronteirizos con Portugal non fose atendido por ningunha das administracións competentes.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/economia/empresariado-pontevedres-do-alto-minho-reivindican-reapertura-da-fronteira-portugal/20200601191458014260.html


© 2020 Economía en Galicia

Contacto: [email protected] - [email protected]  

Aviso legal