Programa de emprego xuvenil para fixar poboación no rural lucense

A Deputación de Lugo amplía o prazo para anotarse no programa "Prende! Bota raíces no rural"

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou a ampliación ata o día 20 de xaneiro do prazo de inscrición para favorecer a participación no plan de emprego xuvenil para fixar poboación "Prende! Bota raíces no rural".
A Deputación de Lugo amplía o prazo para anotarse no programa "Prende! Bota raíces no rural"
Imaxe do programa de emprego xuvenil da Deputación de Lugo.
Imaxe do programa de emprego xuvenil da Deputación de Lugo.

O programa "Prende! Bota raíces no rural" da Deputación de Lugo está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, apuntados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e empadroados nalgún dos 58 concellos lucenses que teñan menos de 5.000 habitantes, ou entre 5.000 e 10.000 cun saldo demográfico negativo. Os interesados poden anotarse de forma presencial no Pazo de San Marcos ou a través da sede electrónica, da Deputación lucense. 

Os seleccionados formarán parte dunha primeira etapa de formación, que se levará a cabo por sectores: enerxías renovables (que se impartirá na Mariña), xestión forestal (na Montaña), hostalería e turismo (Ribeira Sacra), e agricultura e gandería (zona centro). Nesta fase de aprendizaxe, os participantes comprométense á asistencia e aproveitamento da preparación recibida e haberá unha proba de coñecemento por cada acción formativa. Por cada xornada de formación de cinco horas o participante recibirá 14 euros e a Deputación entregará tamén un diploma de asistencia ao final deste período.

Despois da primeira fase de formación, desenvolverase unha segunda de experiencia laboral, na que a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada. Os traballadores e traballadoras percibirán como mínimo 900 euros ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. 

Concellos beneficiarios
Os concellos beneficiarios deste plan de emprego representan o 82% de toda a provincia de Lugo. Son os seguintes: Carballedo, Taboada, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Chantada, Paradela, Samos, Triacastela, Bóveda, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, O Incio, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Rábade, Castro de Rei, Meira, Pol, Riotorto, Láncara, Begonte, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Xermade, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Trabada, Abadín, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e O Courel.

A Deputación de Lugo amplía o prazo para anotarse no programa "Prende! Bota raíces no rural"