Renovación do convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía

O CITT do Campus de Lugo xestionou máis de 21 millóns de euros en I+D+i no último trienio

Os fondos xestionados a través de contratos e convenios asinados con empresas e institucións públicas polo Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC) no trienio comprendido entre 2017 e 2019 superaron os 21 millóns de euros.
O CITT do Campus de Lugo xestionou máis de 21 millóns de euros en I+D+i no último trienio
Antonio López, Manuel Varela, José Tomé e Jaime López na sinatura do convenio.
Antonio López, Manuel Varela, José Tomé e Jaime López na sinatura do convenio.

Así se puxo de manifesto este martes no acto de sinatura da renovación do convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Caixa Rural Galega, a Deputación Provincial de Lugo e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT)

Na sinatura, realizada na sede da Caixa Rural Galega na capital luguesa, participaron o reitor da USC, Antonio López; o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, e o secretario xeral da CEL, Jaime Luis López. Trátase dun acordo que, segundo sinalou Varela, "contribúe desde hai máis dun cuarto de século á modernización de Lugo e de Galicia  e que, como o convenio máis lonxevo e de maior contía económica de todos cantos mantén suscritos Caixa Rural Galega, dá conta do fondo compromiso desta entidade coa sociedade e coa USC”.

Volume de negocio

A maior parte do volume de negocio xestionado polo CITT do Campus de Lugo no último trienio obedece a contratos e convenios con empresas e entidades públicas, informes técnicos e reunións científicas, actividades todas elas que depararon máis de oito millóns de euros no trienio 2017-19, un período durante o que a sede universitaria luguesa tamén captou preto de 4,5 millóns de euros a través do desenvolvemento de proxectos e accións de I+D+i con financiamento procedente de fondos europeos.

As actuacións e liñas de investigación desenvolvidas co apoio económico da Xunta de Galicia ao longo do último trienio reportaron para a sede universitaria luguesa a xestión de máis de 5,7 millóns de euros, unhas cifras de inversión pública en I+D+i que se sitúan arredor dos 2,7 millóns de euros no capítulo referido a actuacións e proxectos desenvolvidos con financiamento procedente do Plan Estatal de I+D+i, segundo se recolle na memoria de actividade do CITT referida ao último exercicio .

O convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus de Lugo permite situar esta sede da USC á vangarda da transferencia de coñecemento e tecnoloxía á súa contorna social máis próxima, unha transmisión que chega á sociedade directamente ou a través do tecido empresarial, sinalou o reitor Antonio López.

A dotación orzamentaria deste acordo supera os 62.000 euros, dos que Caixa Rural Galega achega 50.000 euros, a Deputación Provincial de Lugo, 9.500, mentres que a USC participa con 3.300 euros. A contribución da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) non implica dotación económica algunha.

O CITT do Campus de Lugo xestionou máis de 21 millóns de euros en I+D+i no último trienio