En Galicia a entidade ten 1.776 traballadores e 234 oficinas

A CIG, contra o ERE en Banco Santander

A Federación de Banca da CIG desenvolveu unha xornada de protestas en Pontevedra e na Coruña para rexeitar o ERE no Banco Santander, que suporá unha redución do cadro de persoal de máis de 5.000 traballadores en toda España.
A CIG, contra o ERE en Banco Santander
Concentración da CIG fronte ao ERE do Santander diante dunha oficina na Coruña.
Concentración da CIG fronte ao ERE do Santander diante dunha oficina na Coruña.

Segundo explicou a secretaria nacional da CIG-Banca, Sefi Romero, que participou na mobilización de Pontevedra, Banco Santander prevé agora 5.090 novas saídas, das que 1100 serían a través de recolocacións noutras empresas do grupo, flexibilidade interna ou mobilidades xeográficas a 400 quilómetros. 

Romero lembra que o Santander xa aplicou un ERE o ano pasado que finalizou o 31 de marzo deste ano. A esa altura o cadro de persoal da entidade era de 1.806 persoas en Galicia. Con respecto a 2018 isto supuxo unha redución de 304. Desde aquela aínda se reduciu máis o cadro de persoal por medio de despedimentos e prexubilacións, quedando en 1.776 persoas.

Ao mesmo tempo, alertou do importante impacto que vai ter este novo ERE que se cerne sobre o persoal. “Moitos municipios van quedar sen servizos tan importantes como o financeiro. O Santander escúsase en que hai unha grande dixitalización entre a clientela, cando sabemos que é unha dixitalización forzada. Ao banco non lle interesa ter a súa clientela nas oficinas e deriva todo á banca online”.

A sindicalisa asegura que a entidade aproveitou ademais a pandemia para afondar aínda máis esa dixitalización forzada e alertou da “dependencia que isto vai provocar en moitas persoas que non son capaces de entender como funciona a banca dixital e que terán que recorrer á súa familia ou ben a asociacións de axuda”. Unha dependencia na que inflúe tamén que moita xente non teña non xa os coñecementos necesarios para manexarse online, senón mesmo ordenador, internet ou teléfono móbil.

Neste senso, sinalou que no ano 2017, cando o Santander comprou os bancos Popular e Pastor, había en Galicia 415 oficinas: 207 do Pastor, 171 do Santander e 37 do Popular. Cos procesos de fusión, en novembro de 2020 só quedan 234 oficinas: 102 na Coruña, 30 en Lugo, 27 en Ourense e 75 en Pontevedra.

O número de peches previstos na nosa Comunidade con este novo ERE sería de 79 oficinas, o 33,76% da rede actual. Peches dos que non se sabe aínda onde se producirán, aínda que segundo os seus cálculos afectarán a unhas 32 oficinas na Coruña, 17 en Lugo, 9 en Ourense e 23 en Pontevedra.

Maite Freire, delegada da CIG na Coruña, apuntaba que moitas destas oficinas que pecharán agora por motivos económicos, xa foran pechadas en marzo alegando a empresa que se cerraban por motivos de seguridade para o persoal. "Pero estas oficinas que pecharon coa escusa da pandemia, son as que xa non van abrir por causa deste ERE", subliñou.

A CIG, contra o ERE en Banco Santander