Imprimir

O aproveitamento forestal xerou o ano pasado máis de 10 millóns de metros cúbicos de madeira

Redacción Economía en Galicia | 10 de julio de 2019

Pedro Figueroa e Daniel Gallego, co anuario de estatística forestal./DUVI.
Pedro Figueroa e Daniel Gallego, co anuario de estatística forestal./DUVI.

O grupo de investigación G4 Plus da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo vén de presentar as principais cifras do Anuario de Estatística Forestal de Galicia, que lle fora encargado pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería de Medio Rural

En 2018, rexistráronse en Galicia máis 107.000 declaracións e solicitudes de aproveitamentos forestais en montes ou terreos de xestión privada, que supuxeron a corta de 9,7 millóns de metros cúbicos de madeira. Cifras ás que hai que sumar a corta doutros 355.000 metros cúbicos nos montes de xestión pública e que fan que o aproveitamento total dos montes galegos se sitúase o pasado exercicio por riba dos 10 millóns de metros cúbicos de madeira, segundo recolle o Anuario de Estatística Forestal de Galicia.

Segundo explicou Pedro Figueroa, director do grupo de investigación G4 Plus, pertencente á agrupación estratéxica da Universidade de Vigo Ecobas, o anuario é "o primeiro compendio publicado en Galicia que contén exclusivamente datos estatísticos forestais”. Presentado o pasado mes de xuño no Parlamento de Galicia polo director xeral José Luis Chan, este anuario reúne información sobre a estrutura da propiedade, ordenación e xestión forestal, repoboacións, tratamentos silvícolas, loita biolóxica contra diferentes pragas, produción forestal e empresas do sector. 

O eucalipto representa máis do 60% das cortas

Das 107.705 solicitudes de aproveitamentos en montes de xestión privada presentadas o pasado ano, o 63,7% correspondíanse a árbores da familia das frondosas, das que o 95% referíanse en concreto a plantacións de Eucalyptus spp, especie que supuxo preto do 61% das cortas realizadas o ano pasado en Galicia. No caso das coníferas, o 36,3% restante, a meirande parte das solicitudes, un 53% e un 47%, correspóndense a dúas especies de piñeiro, o Pinus pinaster e o Pinus radiata. Por outra banda, no caso dos terreos de xestión pública, o 92% das cortas solicitadas referíanse a coníferas e o 7% restante a frondosas.

Así mesmo, a información reunida neste anuario permite coñecer tamén que preto do 86% dos aproveitamentos levados a cabo en montes de xestión privada concentráronse nas provincias de A Coruña e Lugo. No relativo aos 18 distritos forestais existentes en Galicia, tres destes, os de A Mariña Lucense, Bergantiños-Mariña Coruñesa e Ferrol, realizaron no seu conxunto preto do 45% das solicitudes.

Radiografía do sector forestal galego

Neste anuario o grupo G4 Plus buscou proporcionar, a través de táboas e gráficos, “unha información que fose facilmente lexible e interpretable polos distintos axentes interesados no mundo forestal”. Do mesmo xeito, outro dos obxectivos do traballo era ofrecer unha información e unha análise que “puidese facilitar a toma de decisións aos axentes implicados”, engade Figueroa, coordinador do traballo realizado xunto co investigador do grupo Daniel Gallego.

Articulado en sete apartados, o anuario reúne tanto información sobre a corta de madeira nos montes como dos seus aproveitamentos de pastos e micolóxicos. Así mesmo, tamén afonda na situación do sector empresarial, integrado por máis de 2.000 empresas. Concretamente, en 2018 estaban inscritas en Galicia un total de 1.382 empresas de aproveitamento e transformación da madeira, das que o 33% pertencen á provincia de Pontevedra. A estas súmanse outras 473 empresas de servizos forestais, das que preto do 40% atópanse emprazadas na provincia da Coruña, e 113 compañías provedoras de material forestal de produción, preto da metade situadas na provincia da Coruña.

Por outra banda, no relativo á estrutura da propiedade forestal, o anuario recolle que Galicia conta con 3.312 montes veciñais en man común, que abranguen unha superficie de máis de 664.000 hectáreas. En total, existen en Galicia máis de 122.000 comuneiros e comuneiras, agrupados en 2.994 comunidades de montes, sendo as provincias de Ourense e Lugo as que contan con maior porcentaxe de montes sometidos a este réxime. Así mesmo, a autonomía conta tamén con 230 montes de titularidade pública, que abranguen unha superficie total de 55.000 hectáreas.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/informes/aproveitamento-forestal-xerou-ano-pasado-mais-10-millons-metros-cubicos-madeira/20190710172500011334.html


© 2019 Economía en Galicia

Contacto: [email protected] - [email protected]  

Aviso legal