Imprimir

Aberto o prazo para participar no programa formativo Medrando Xuntas

Redacción Economía en Galicia | 05 de febrero de 2020

Imaxe do programa Medrando Xuntas.
Imaxe do programa Medrando Xuntas.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria abriu o prazo de matriculación na cuarta edición do programa formativo Medrando Xuntas, que se desenvolverá dos meses de marzo a xuño de 2020 para promover o talento feminino na economía social.

A iniciativa Medrando Xuntas conta con dous itinerarios diferenciados, un para directivas e outro para socias e traballadoras. O itinerario para directivas está enfocado a responsables de dirección e/ou de goberno para ofrecerlles unha formación co fin de potenciar as capacidades directivas con perspectiva de xénero como factor clave no seu desenvolvemento profesional.  Os contidos que se traballarán son os de xestión das organizacións de economía social, habilidades directivas e proxectos colaborativos.

Ademais as alumnas contarán cun acompañamento personalizado durante toda a formación para axudalas a mellorar o seu desenvolvemento profesional. O curso ten unha duración de 60 horas de duración e desenvolverase entre o 6 de marzo e o 12 de xuño, na sede da Escola Galega de Administración Pública en Santiago de Compostela.

Por outra banda, o itinerario para socias e traballadoras quere ofrecer unha formación específica enfocada para empoderar as mulleres pertencentes ás organizacións de economía social en contornas urbanas e rurais. O curso ten unha duración de 20 horas e realizarase entre os meses de abril e maio, tamén na EGAP.. Os contidos versan sobre a xestión das organizacións de economía social e habilidades persoais.

As prazas para participar no programa formativo son limitadas e a preinscrición pode realizarse a través do formulario que se pode atopar na dita web ata o 25 de febreiro.

Foro

Esta iniciativa inclúe tamén o III Foro Medrando Xuntas, o encontro anual das mulleres da economía social. É un espazo que permite a conversa sobre os retos, desafíos e oportunidades que as mulleres teñen na economía social de Galicia e que serve como punto de encontro para construír modelos de negocio de éxito a través dunha economía máis xusta.

P

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/empleo/aberto-prazo-participar-programa-formativo-medrando-xuntas/20200205183748013126.html


© 2020 Economía en Galicia

Contacto: [email protected]a.com - [email protected]  

Aviso legal