O gran certame multisectorial do noroeste peninsular

A 42ª Semana Verde congrega en Silleda a partir deste xoves 725 expositores

A 42ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abre mañá as súas portas coa presenza de 725 expositores directos de 12 países que ocupan unha superficie neta de 19.468 metros cadrados.

A 42ª Semana Verde congrega en Silleda a partir deste xoves 725 expositores
Paseo central do recinto feiral de Silleda durante a Semana Verde de 2018.
Paseo central do recinto feiral de Silleda durante a Semana Verde de 2018.

A este total de entidades súmanse 336 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente proceden de 26 países. Estas cifras supoñen un 6,1% máis de expositores directos que en 2018, cando foran finalmente 683. Tamén aumenta o número de países representados, tanto polos expositores directos, xa que na pasada edición procedían de 7 países, como polas firmas totais, pois foran de 20.

En canto á superficie que ocupan estas empresas, aumenta nun 9,3%, xa que en 2018 foran 17.812 metros cadrados. Respecto ao espazo ocupado por expositores e actividades, ascende a preto de 87.000 metros, semellante á da pasada edición. Un incremento que fixo necesaria a instalación dunha gran carpa de 2.000 metros cadrados anexa ao pavillón 2, pois os múltiples espazos que se empregan nesta feira non eran suficientes para acoller a todos os participantes.

A feira destacará unha vez máis pola súa diversidade, xa que ademais dos certames paralelos, centrados en alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contará con numerosos sectores que van dende gandería, biomasa, mascotas e pequena maquinaria ata mobiliario, vehículos de ocasión e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos.

Un proxecto ao que seguen vinculadas, e presentes, grandes empresas privadas como Abanca, R, Vegalsa-Eroski, Gadis, Carrefour, El Corte Inglés e MediaMarkt, e no que tamén a presenza institucional é cada vez maior, coa participación de seis consellerías da Xunta de Galicia, pero tamén coa da Embaixada de Nicaragua, Ministerio de Turismo de Guinea Bissau,  entidades de turismo de Porto e Norte e Lisboa, Junta de Andalucía e Extremadura e Deputacións de A Coruña, Burgos, Castellón e Huesca.

A esta gran exposición únese un intenso programa con 200 actividades distintas, convertendo de novo á feira Abanca Semana Verde de Galicia no gran certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular, ao cal os visitantes poderán acceder de forma gratuíta por décimo ano consecutivo. Só se abonará o aparcadoiro, que terá un módico prezo de 3€ destinados a incrementar a calidade do programa de actividades da feira.

O certame será inaugurado este xoves 6 de xuño, ás 13.30 horas polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda,  acompañado do conselleiro do Medio Rural, José González, e permanecerá aberto ata o domingo 9.

Certames paralelos 

Entre os certames paralelos da Semana Verde, destaca o 23º salón de alimentación Salimat Abanca, será un ano máis unha plataforma de negocio tanto para a distribución como para pequenos produtores. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Igape, volverán a contribuír á internacionalización das empresas a través de reunións con 29 importadores e distribuidores de 17 países, o que supón un 16% máis de compradores e un 21% máis de países, entre os que estará por primeira vez Singapur. A súa área Alinova dará relevancia aos produtos innovadores, con 80 alimentos de gran orixinalidade.

Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebran conxuntamente co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contarán coa presenza de distinto tipo de empresas do sector e 36 concellos que promocionarán 46 festas galegas de interese turístico. Na súa vertente profesional incluirase o III Encontro de Bloggers de Turismo e destacará a Bolsa de Contratación Turística, a cal contará con 47 turoperadores (un 4% máis) de 11 países. Entre as propostas para público xeral terán protagonismo as degustación e exhibicións de distintas festas de Festur.

A 42ª Semana Verde congrega en Silleda a partir deste xoves 725 expositores