Imprimir

92 estudantes pontevedreses de FP poderán optar a prácticas en empresas e institucións europeas

Redacción Economía en Galicia | 22 de julio de 2019

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra.
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra.
Un total de 92 estudantes de Formación Profesional de 32 centros da provincia poderán beneficiarse de estadías en países europeos para realizar prácticas laborais en empresas e institucións a través da nova edición do programa “PracticumDepo 2019”

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou na súa reunión do pasado venres o programa “PracticumDepo 2019”, a través do cal unha ducia de docentes viaxará a Europa para afondar no seu coñecemento sobre os métodos e procedementos educativos que realizan nos países incluídos neste proxecto de mobilidade internacional.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que nesta cuarta edición do “PracticumDepo”, que ten unha duración de 24 meses (ata maio do 2021), os destinos europeos nos que os alumnos e alumnas de ciclos medios de Formación Profesional realizarán as súas estadías serán Reino Unido, Irlanda, Italia, Portugal, Malta, Alemaña, Romanía, Bulgaria, Polonia, Grecia, Eslovenia, Finlandia, Países Baixos e Islandia e, como novidades, Chipre, Eslovaquia e Francia.

Silva engadiu que estas 104 mobilidades teñen como obxectivo facilitar aos mozos e mozas que cursan FP a súa integración no mundo laboral a través de prácticas noutros países europeos, que se inclúen dentro da convocatoria de propostas 2019 do programa Erasmus+. O orzamento desta edición supera os 672.000 euros, dos que 509.000 son aportados polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) e preto de 163.000 euros a Deputación pontevedresa.

"Levamos xa 400 mozos e mozas facendo este tipo de proxectos Erasmus. Trátase de que no momento de que a xente teña formación, poida ter máis recursos para unha maior empregabilidade”, destacou a presidenta provincial.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/empleo/92-estudantes-pontevedreses-fp-poderan-optar-practicas-empresas-institucions-europeas/20190722102528011459.html


© 2019 Economía en Galicia

Contacto: [email protected] - [email protected]  

Aviso legal