Promoción dos mercados locais e prazas de abastos

86 prazas de toda Galicia súmanse este ano á campaña "Quere o teu mercado"

Un total de 86 prazas e mercados de toda Galicia e máis de 3.000 praceiros súmanse este ano á campaña internacional "Quere o teu mercado" que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, ata o 25 de maio

86 prazas de toda Galicia súmanse este ano á campaña "Quere o teu mercado"
Presentación da nova edición da campaña "Quere o teu mercado"./X.CRESPO.
Presentación da nova edición da campaña "Quere o teu mercado"./X.CRESPO.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou na presentación de "Quere o teu mercado", nun acto que tivo lugar na praza de abastos de Santiago de Compostela e no que estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas. Tamén acudiron os presidentes e representantes de Fepragal e doutras prazas de Galicia. 

Vázquez explicou que a Xunta, no seu propósito de promover os mercados e prazas de abastos de Galicia, incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local e a profesionalidade e bo facer dos praceiros e praceiras leva a cabo, por quinto ano consecutivo, esta actuación de carácter internacional de promoción dos mercados locais e prazas de abastos.

Deste xeito, baixo o lema "Preto do teu corazón", realizaranse ata o próximo 25 de maio unha serie de eventos nos mercados dos países e cidades participantes para intentar atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados de proximidade. 

Trátase, en palabras da directora xeral, de unir a nivel internacional aos mercados locais de diferentes formas e tamaños nun fin común: aumentar a súa visibilidade, a presenza de consumidores e o consumo no comercio de proximidade, ao tempo que se fortalecen os lazos de unión e a fidelización cos usuarios. 

En colaboración coas asociacións e federacións de praceiros e praceiras, celebrarase, ademais, o Día do mercado, que, a proposta dos propios praceiros e praceiras, terá lugar o sábado 25 de maio. Máis de 3.000 praceiros e praceiras organizarán todo tipo de eventos para poñer en valor os produtos de calidade dos seus mercados como degustacións gastronómicas, showcookings ou obradoiros de cociña, concursos de tapas e exhibicións de pratos elaborados con produtos do mercado.

86 prazas de toda Galicia súmanse este ano á campaña "Quere o teu mercado"