III edición do Premio provincial á mellor iniciativa empresarial

84 candidaturas optan aos Premios PEL da Deputación da Coruña

O xurado dos premios PEL que convoca a Deputación da Coruña reuniuse hoxe, na sede da institución provincial, para avaliar as candidaturas presentadas ao III Premio Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial.

84 candidaturas optan aos Premios PEL da Deputación da Coruña
Xurado dos Premios PEL que concede a Deputación da Coruña.
Xurado dos Premios PEL que concede a Deputación da Coruña.

A Deputación da Coruña convocou este premio por terceiro ano consecutivo dentro das accións do Plan de emprego local (PEL), co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e autónomas, concellos de menos de 20.000 habitantes e asociacións empresariais comprometidos co desenvolvemento económico da provincia.

Un total de 84 candidaturas presentáronse ás cinco categorías coas que conta o galardón, dotadas con 15.000 euros cada unha: Mellor Iniciativa Empresarial Nova, dirixida a proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade; Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada, destinada a aquelas empresas que conten con máis de cinco anos de actividade, Mellor Iniciativa Xeradora de Emprego, que premiará as empresas que contribúan ao crecemento do emprego sostible e de calidade na provincia, Concello Promotor do Emprego de Calidade, dirixida aos concellos coruñeses que promoven e favorecen o emprego e o emprendemento e Mellor Asociación Empresarial, cuxa finalidade é valorizar o labor das asociacións de empresarios/as á hora de fortalecer o tecido empresarial.

O xurado está formado polo presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla Ramil, mentres que o secretario é Rafael Díaz-Aguado, xefe do Servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego. Así mesmo, participaron especialistas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa e representantes de asociacións e outras organizacións de empresarios con presenza nos concellos coruñeses, como José Manuel Cotos Yáñez, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela (USC); José Andrés Faíña Medín, presidente do grupo de investigación de competencia e desenvolvemento rexional da Unión Europea da Universidade da Coruña (UDC); Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Carlos Fernández Bermúdez, xefe dos servizos técnicos da Cámara de Comercio da Coruña e Isabel Ferro Giménez, xerente de proxectos de I+D do Grupo Calvo.

Os membros do xurado avaliaron as candidaturas presentadas, seguindo criterios coma a orixinalidade da idea de negocio, a xeración de emprego, a capacidade de expansión, as iniciativas de fomento do emprendemento postas en marcha polos concellos, os servizos prestados polas asociacións empresariais, entre outros.

Os gañadores do certame daranse a coñecer nos próximos meses, nun evento que promoverá a creación de redes de traballo entre todas as empresas candidatas.

84 candidaturas optan aos Premios PEL da Deputación da Coruña