APOIAN O DIÁLOGO E A BUSCA DE SOLUCIÓNS CONSENSUADAS

As confederacións empresariais galegas posiciónanse en contra do referéndum de Cataluña

As confederacións empresariais galegas amosan "radicalmente en contra do referéndum ilegal de Cataluña e de calquer solución que supoña incrementar as diferencias entre rexións, aumentando a desigualdade e a pobreza do conxunto do país.".

As confederacións empresariais galegas posiciónanse en contra do referéndum de Cataluña

A través dun comunicado, as patronais galegas manifestan a súa "forte preocupación" pola actual situación de Cataluña, que prexudica gravemente non só a este territorio, senón ao conxunto de España e moi especialmente ao desenvolvemento social e económico do país e do seu tecido productivo. Recordan que calquera melloría da actividade económica necesita de seguridade xurídica e estabilidade, e que a historia amosa que a maior unión e tamaño, maior forza e desenvolvemento socioeconómico.

A CEG e as catro confederacións provinciais amosan o seu "total apoio" á legalidade vixente, dentro do marco constitucional, e á actual configuración do estado das autonomías en España, "que ten permitido varias décadas de paz e prosperidade ao país, con respecto ás diferencias rexionais, posibilitando o desenvolvemento destas con coidado das súas especiais cualidades culturais e sociais".

Ao mesmo tempo, expresan o seu total apoio ao diálogo e á procura de solucións consensuadas, "sen que isto supoña máis privilexios para unhas rexións en detrimento doutras, recordando que a historia en común dos territorios que conforman España é máis longa e frutífera que as eventuais diferencias que algúns esgrimen como insalvables para impulsar unha definitiva fratura".

O comunicado tamén amosa a oposición dos representantes do empresariado galego "a calquera solución que supoña incrementar as diferencias entre rexións, aumentando con ela a desigualdade e a pobreza do conxunto do país".

Asemade, e na liña do xa manifestado por CEOE e CEPYME, reiteran que os empresarios "teñen que estar e están coa legalidade e polo cumprimento estricto das leis e a Constitución Española así como a lexislación internacional, especialmente da Unión Europea, que son as mellores garantías da seguridade xurídica, imprescindible para a competitividade das nosas empresas"

O comunicado tamén dá apoio "a todas as accións que se consideren necesarias co obxectivo de facer cumprir a legalidade vixente", sen detrimento da apertura dun "necesario período de diálogo e acordo".

Comentarios
As confederacións empresariais galegas posiciónanse en contra do referéndum de Cataluña