Recoñecen traballos sobre a economía do ben común e a RSC das cadeas hoteleiras

Estes son os galardoados cos Premios TFG José Manuel Pérez Canal

Dous traballos sobre a economía do ben común como estratexia empresarial e a responsabilidade social corporativa das principais cadeas hoteleiras españolas foron os gañadores dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2021, que concede a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas de Ourense.
Estes son os galardoados cos Premios TFG José Manuel Pérez Canal
Galardoados cos Premios TFG José Manuel Pérez Canal./DUVI.
Galardoados cos Premios TFG José Manuel Pérez Canal./DUVI.
Os Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2021, entregados este martes no campus de Ourense, distinguen cada curso académico os mellores traballos fin de grao presentados por alumnado dos diferentes graos que se imparten na facultade ourensá.

Na categoría de Grao de Administración e Dirección de Empresas, o primeiro premio dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2021 foi para o "TFG Economía do ben común como estratexia empresarial", do alumno Adrián López e titorizado por Diego Rodríguez-Toubes. Nel, abórdanse os principios do modelo de economía do ben común, “modelo  proposto  polo austríaco Christian Felber, que propón unha nova economía baseada na cooperación e nos valores que fan prosperar as relacións humanas, tales como dignidade humana, solidariedade, sostibilidade ecolóxica, xustiza social e democracia”. Para coñecer e entender o funcionamento destes novos indicadores, o autor do traballo analizou o balance do ben común dunha empresa, Cartonajes La Plana, e realizou unha pequena análise comparativa cos clásicos indicadores financeiros, “co que se demostra a viabilidade da implantación do modelo economía do ben común”. O contexto económico e social actual, comenta Adrián López no seu traballo, “dificulta a implantación deste modelo por si só, pero unha vía intermedia na que progresivamente se incorporan os seus criterios na economía pode garantir a viabilidade da súa implantación no futuro”.

Nesta modalidade concedeuse tamén un accésit a Adrián Ordóñez polo seu traballo "O impacto da revolución tecnolóxica e a automatización do emprego en España: desafío e adaptación",  titorizado por Alberto Vaquero e Santiago Lago, e outro accésit a Álvaro Sotelo polo estudo "A fiscalidade como ferramenta de política económica na nova normalidade", titorizado tamén por Alberto Vaquero.

Na categoría de Turismo, o primeiro premio foi para o "TFG Responsabilidade social corporativa (RSC) das principais cadeas hoteleiras españolas a través da análise comparativa do seu desempeño ambiental", de Nuria Gil e titorizado por María Montserrat Cruz. Dentro do sector turístico, explica a autora no traballo, a RSC “ocupa un papel fundamental debido aos impactos ambientais negativos que a industria hoteleira pode ocasionar nos destinos nos que opera”. No seu TFG, sinala, “alén de  amosar a evolución da RSC ao longo do tempo, estudanse as diferentes definicións que foi adquirindo e a súa transición cara o desenvolvemento sostible; expóñense os códigos éticos e principios de implantación da RSC aplicables á industria hoteleira así como os índices de sostibilidade e certificacións ambientais máis destacadas”. Tamén inclúe un estudo comparativo do desempeño ambiental das cinco cadeas hoteleiras españolas máis importantes realizado a través da metodoloxía de investigación do estudo de casos baseado na análise documental dos seus informes de RSC e a súa información pública.

Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao traballo Importancia do márketing dixital no sector turístico, de Marta Vázquez e titorizado pola profesora María Elisa Alén.

Os galardóns foron entregados por Mª Montserrat Cruz, decana de Ciencias Empresariais e Turismo; Mª del Carmen Sampayo, decana do Colexio de Economistas de Ourense; Elena Rivo, comisionada de Coordinación Institucional da UVigo, e Marisol Novoa, presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense. Nas súas intervencións lembrouse con afecto a figura de José Manuel Pérez Canal, quen foi presidente da Confederación de Empresarios de Ourense, e como estes premios levan o seu nome en homenaxe á súa calidade humana e profesional.


 

Comentarios
Estes son os galardoados cos Premios TFG José Manuel Pérez Canal