Elixido co 96% dos votos no VII Congreso Confederal

Paulo Carril, novo secretario xeral da CIG

Paulo Carril foi elexido este domingo no VII Congreso Confederal da CIG novo secretario xeral do sindicato, substituíndo así no cargo a Xesús Seixo.

Paulo Carril, novo secretario xeral da CIG
O novo secretario xeral da CIG, Paulo Carril./CIG.
O novo secretario xeral da CIG, Paulo Carril./CIG.

Concluía así o proceso de renovación de cargos e organismos confederais coa posta a punto do ideario programático e no cal se definiron e aprobaron as liñas que guiarán a acción sindical da CIG no vindeiro período.

Tanto para a Executiva Confederal como para a Secretaría Xeral ou a Comisión de Garantías presentábase unha única candidatura. A da Executiva Confederal foi referendada polo 95% dos congresistas (506 votos); houbo ademais 22 votos en branco e 3 nulos. Mentres, Paulo Carril Vázquez resultaba elixido novo secretario xeral, con 511 votos (96%), 17 brancos e 3 nulos.

O  novo secretario xeral foi o encargado de clausurar o VII Congreso cunha intervención na que chamou a reforzar o asemblearismo, a participación, a construción da organización, a seguir na contestación social permanente e no compromiso constante "como mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega". Un propósito na liña do lema elixido para este proceso congresual: "Coa CIG somos máis fortes". Polo que, destacou, cómpre seguir traballando para que a CIG sexa un instrumento reivindicativo útil e capaz, con competencia para ofrecer alternativas e solucións para a clase obreira.

Paulo Carril, novo secretario xeral da CIG