Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021

Gradiant e a UVigo, premiados polos enxeñeiros de telecomunicación de Galicia

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021, que serán entregados o 22 de outubro nun acto en Santiago de Compostela, entre os que destacan os galardóns que recibirán o Centro Tecnolóxico Gradiant e a Universidade de Vigo.
Gradiant e a UVigo, premiados polos enxeñeiros de telecomunicación de Galicia
Campus vigués de la Universidad de Vigo./DUVI.
Campus vigués de la Universidad de Vigo./DUVI.

Tras o parón ocasionado pola pandemia, retómanse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021, que distinguirán o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e empresas.

En total, vanse entregar seis premios. O primeiro deles, o Premio Enxeñeiro do Ano 2021 recoñece a traxectoria de María Encarnación Baltar. O xurado valorou como razóns determinantes desta distinción o feito de que foi a primeira muller española graduada como enxeñeira na Universidade de Caracas, e a súa traxectoria á fronte de Eventyam Ingenieros S.L. Xunto a isto, converteuse nunha referencia nacional no difícil sector de medidas de campos electromagnéticos con traballos pioneiros en toda España, o que para o xurado foi determinante á hora de lle conceder o galardón.

O Premio Socio de Honra, que recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que destaquen pola súa promoción das telecomunicacións na nosa Comunidade Autónoma, distingue o labor do centro Gradiant. Como razóns determinantes desta distinción, o xurado tivo en conta o feito de que Gradiant é un centro tecnolóxico de referencia en Galicia, pioneiro no desenvolvemento de proxectos de vangarda e con importante representación do colectivo de enxeñeiros de telecomunicación.

O Premio Axians 2021 á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación recae este ano na Universidade de Vigo. O xurado valorou como razóns determinantes desta distinción á Universidade de Vigo a súa aposta polas infraestruturas TIC dentro do seu Plan Estratéxico 2021- 2026 para promover a transformación dixital da Universidade. Potenciar a ensinanza virtual, o desenvolvemento da sociedade do coñecemento e a expansión e o emprego das TIC no ámbito da docencia constitúen tamén motivos que fixeron á Universidade de Vigo merecente deste galardón.

O Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola Amtega, recae este ano no proxecto Escoita 5G. Entre os motivos esgrimidos polo xurado para outorgar este galardóns, tívose en conta a vocación de utilidade social do proxecto, concibido para mellorar problemas de persoas con dificultades sensoriais. Dende un punto de vista técnico, o proxecto destaca a importancia das características diferenciais do 5G fronte ao 4G e a capacidade de comunicación con moi baixa latencia.

Finalmente, outorgaranse dous premios por parte do colectivo de enxeñeiros de telecomunicación para recoñecer aos mellores expedientes académicos 2019/2020 e 2020/2021 do Mestrado de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Os premios foron outorgados a Moisés Rubén Pacheco e Marcos Martínez, respectivamente.

Noite Galega das Telecomunicacións

Con posterioridade ao acto de entrega de premios, que terá lugar o 22 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino, desenvolverase a Noite Galega das Telecomunicacións, que se concibe como un acto de networking por parte dos profesionais do sector e nel está previsto que participen arredor de 200 persoas, principalmente representantes de destacadas entidades, organizacións, profesionais e empresas do ámbito TIC.

Gradiant e a UVigo, premiados polos enxeñeiros de telecomunicación de Galicia