Concedidos polo Colexio de Economistas de Ourense e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Entrega dos Premios José Manuel Pérez Canal aos mellores traballos fin de grao

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e o Colexio de Economistas de Ourense entregaron os Premios José Manuel Pérez Canal aos mellores traballos fin de grao do centro.
Entrega dos Premios José Manuel Pérez Canal aos mellores traballos fin de grao
Estudantes galardoados cos Premios José Manuel Pérez Canal./DUVI.
Estudantes galardoados cos Premios José Manuel Pérez Canal./DUVI.

Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Mª Montserrat Cruz, decana de Ciencias Empresariais e Turismo; Mª del Carmen Sampayo, decana do Colexio de Economistas de Ourense; e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, participaron no acto de entrega de premios destacando a importancia de distinguir e incentivar o talento con iniciativas coma esta. Igualmente tiveron palabras de lembranza para José Manuel Pérez Canal, expresidente da Confederación Empresarial de Ourense en memoria do cal se celebran estes premios.

Cinco traballos premiados

O primeiro premio para o mellor traballo fin de Grao en Administración e Dirección de Empresas foi para "Programación lineal aplicada ao sector enerxético galego", realizado polo alumno Brais Martínez baixo a dirección do profesor Manuel Alfredo Mosquera. Nel, o estudante propón “medidas para aumentar a sostibilidade enerxética e reducir as emisións de CO2, reducindo así o impacto do cambio climático”. Tamén emprega “a programación lineal como unha ferramenta efectiva para a asignación de recursos, dando como resultado o fomento da enerxía eólica e medidas para a transformación enerxética do sector do transporte”.

No Grao en ADE concedeuse un accésit ao traballo titulado "Medidas fiscais e laborais para o emprendemento", realizado pola alumna Rosa Mª Fernández baixo a codirección dos profesores Alberto Vaquero e Santiago Lago. Nel, explica a súa autora, “analizamos a política fiscal, centrada na análise das medidas orientadas a impulsar o emprendemento e a creación de novas empresas”. “Despois de anos de loita pedindo unhas medidas acertadas para potenciar as novas iniciativas emprendedoras e poder protexer á pequena e mediana empresa, aprobáronse importantes medidas fiscais e laborais, que non son suficientes”, indica Rosa Mª Fernández.

Nesta categoría tamén se concedeu outro accésit ao traballo "Análise das páxinas webs corporativas das empresas familiares téxtiles cara a sostibilidade", da alumna Ana Suárez e realizado baixo a codirección das profesoras Elena Rivo e Mónica Villanueva. “Unha vez analizado o contido dos informes de sostibilidade das empresas, cheguei á conclusión de que aínda queda moito camiño por andar; é dicir, o feito de que unha empresa elabore este tipo de memorias non é garantía de que contemple todos os aspectos económicos, medio ambientais e sociais”.

O primeiro premio para o mellor traballo no Grao en Turismo foi para "Xogo de Tronos e a súa influencia no turismo", realizado por Andrea Jácome baixo a dirección do profesor Francisco Javier Sánchez Sellero, e o accésit foi para o traballo "Estudo das motivacións dos peregrinos do Camiño de Santiago nas últimas décadas" realizado pola alumna Noelle Rodríguez baixo a dirección da profesora Mª Lorena Rodríguez. 

A entrega dos galardóns tivo lugar no marco do seu Foro Economía e Sociedade, que contou cunha conferencia de Xosé Luis Reza, presidente de Markea e do Clúster de Comunicación de Galicia.

Entrega dos Premios José Manuel Pérez Canal aos mellores traballos fin de grao