Substitúe a Ramón Sarmiento

Amelia Pérez, nova secretaria xeral de Comisións Obreiras en Galicia

Amelia Pérez será a nova secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, logo de elixida cos votos do 64,24% dos delegados asistentes ao 12º Congreso Nacional de CCOO de Galicia.
Amelia Pérez, nova secretaria xeral de Comisións Obreiras en Galicia
Amelia Pérez, nova secretaria xeral de Comisións Obreiras de Galicia.
Amelia Pérez, nova secretaria xeral de Comisións Obreiras de Galicia.

Amelia Pérez substitúe no cargo a Ramón Sarmiento, que na primeira xornada do 12º Congreso Nacional de CCOO de Galicia xa anunciara que non optaría á reelección.

A de Pérez foi a única candidatura para a Secretaría Xeral. Para a Comisión Executiva Nacional, porén, presentáronse dúas: unha encabezada pola ex secretaria xeral viguesa e a outra, por Leila Piñeiro da Federación de Industria. A lista de Pérez obtivo igualmente o 64,24% dos votos, mentres que a de Piñeiro logrou o 35,1%. Deste xeito, a nova Comisión Executiva Nacional de CCOO estará formada por Amelia Pérez Álvarez, Santiago Huertas Pozurama, Yolanda Martínez Quintián, Armando Iglesias Rodríguez, Rita Gippini Estévez, Xesús Castro Baamonde, Maica Bouza Seoane, Antonio Millares Jorge, Leila Piñeiro Otero, Juan Carlos López Corbacho, Mamen Sabio Sanz e Francisco Méndez Gómez.

Na súa primeira intervención como secretaria xeral, Pérez salientou que non se trata só da primeira muller en ser secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO, senón que é a primeira en liderar un sindicato de clase en Galicia. "As Comisións Obreiras somos pioneiras en feminismo, a ver se aprenden o resto dos sindicatos", incidiu.

A nova secretaria xeral prometeu "unhas claras premisas de traballo onde a escoita, a empatía e o empoderamento en equipo serán as raíces onde se sustenten". Neste senso, enviou un convite ás persoas que a acompañan na nova dirección nacional, procedentes de dúas listas diferentes, "que decidiron o que facer coas súas vidas: decidiron comprometerse con esta organización, con independencia das candidaturas das que proveñamos".

Perfil

Amelia Pérez Álvarez (Moaña, 1970) leva máis de dúas décadas afiliada ás Comisións Obreiras, desde 1998. Traballadora do sector do comercio, é delegada sindical en Zara en Vigo desde 1999.

Durante varios anos foi secretaria de Organización da Unión Comarcal de CCOO de Vigo e os últimos oito foi a súa secretaria xeral, primeira muller en asumir esta responsabilidade. Pérez tomou a remuda do histórico sindicalista vigués José Cameselle en 2012 e revalidou o seu mandato no Congreso comarcal de 2017. O pasado mes de abril anunciou que non optaría a unha nova reelección, substituíndoa Montserrat Carrera á fronte da Unión Comarcal.

 




 

para bcc: mí

Comentarios
Amelia Pérez, nova secretaria xeral de Comisións Obreiras en Galicia