Grazas a unha axuda da Xunta para centros e unidades de I+D+i

O CITIC reforzará as súas capacidades en intelixencia artificial

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC fortalecerá a súa capacidade investigadora nos ámbitos da intelixencia artificial e a analítica de datos, grazas ao financiamento procedente duna axuda de máis de 4,4 millóns de euros que a Xunta de Galicia acaba de conceder á Universidade da Coruña para reforzar os seus centros e unidades de I+D+i.
O CITIC reforzará as súas capacidades en intelixencia artificial
Fachada del CITIC de la UDC./WEB CITIC.
O CITIC da UDC recibirá financiación da Xunta para fortalecer as súas áreas de Intelixencia Artificial e analítica de datos./WEB CITIC.
Concretamente, o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC poñerá en marcha un laboratorio singular centrado en intelixencia artificial e analítica de datos que estará vinculado ao seu Centro de Procesamento de Datos. Ambas instalacións conformarán unha das infraestruturas singulares en investigación máis relevantes de Galicia no campo da intelixencia artificial. Nestas dependencias o CITIC investirá máis de 1,4 millóns de euros ao longo dos próximos dous anos.

Estas novas instalacións do CITIC terán o obxectivo de apoiar as liñas estratéxicas do centro e crear un espazo para fomentar a investigación multidisciplinar. Desta forma, promoverase o posicionamento do CITIC principalmente nas áreas de saúde, industria 4.0 e sustentabilidade.

O laboratorio estará equipado con instrumentación e tecnoloxías únicas de recollida e sensorización de datos que permitirá a reprodución de experimentos en diferentes escenarios. Nesta sala situarase un sistema de captura de movemento en todo o espazo con balizas portátiles, un espazo de experimentación con sistemas de realidade virtual inmersiva e realidade aumentada, un sistema para a detección de magnitudes físicas ambientais, obxectos e persoas, sistemas de visión para supervisar obxectos en movemento, un sistema de sensorización de edificios intelixentes e sostibles, unha plataforma in-cloud para a xestión, automatización e control industrial para o desenvolvemento de algoritmos de intelixencia artificial e ciencia de datos na industria 4.0., así como diferentes investimentos en robótica.

O traballo do CITIC no eido da saúde

No ámbito da saúde, o CITIC conta cun importante posicionamento, que se viu recentemente reforzado coa invitación ao director do centro, Manuel F. González Penedo, e ao investigador Alejandro Pazos, por parte da Fundación Profesor Novoa Santos, o INIBIC e a Comisión de Docencia da Área Sanitaria da Coruña, a coordinar dous módulos sobre intelixencia artificial no Programa de Formación en Competencias Dixitais en Saúde para residentes. Estes módulos formativos estarán impartidos por investigadores do CITIC. 

Ademais, tamén dende o CITIC continúan desenvolvéndose proxectos de investigación en relación á covid-19, como son "CEDCOVID", enfocado ao uso da ciencia de datos para a loita contra a pandemia; o proxecto "Intelixencia artificial vs. COVID-19", que aplica a IA para mellorar a detección, avaliación e seguimento dos enfermos de covid-19 a partir da información obtida de probas microbiolóxicas e de imaxe radiolóxica; e o proxecto "Predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2 con técnicas de Intelixencia Artificial", que emprega algoritmos de busca do campo da computación evolutiva para determinar a estrutura dos diferentes compoñentes proteicos do SARS-CoV-2. Tamén é destacable a participación en "COVIDBENS", desenvolvido en colaboración co INIBIC, o CICA e a empresa Edar Bens para a análise da carga viral nas augas residuais na área metropolitana da Coruña.

Comentarios
O CITIC reforzará as súas capacidades en intelixencia artificial