DESDE A XUNTA E OS SINDICATOS

Valoración dos datos do paro do mes de novembro

A Xunta de Galicia e UGT, CCOO  e USO valoran de xeito diferente os datos do paro rexistrado de novembro, pondo o acento a administración na redución do paro interanual e os sindicatos no aumento do paro con respecto ao mes anterior.
Valoración dos datos do paro do mes de novembro
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca (esq.) no concesionario Caeiro en Santiago./X.CRESPO.
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca (esq.) no concesionario Caeiro en Santiago./X.CRESPO.

En relación aos datos do paro rexistrado en novembro, a secretaria xeral de Emprego da Xunta, Covadonga Toca, destacou que Galicia consolida o emprego creado nos últimos anos, xa que o desemprego na evolución anual continúa baixando, mentres que en novembro as afiliacións continúan medrando e volven situarse por riba do millón de cotizantes, por noveno mes consecutivo.

Salienta Toca que por sétimo ano consecutivo redúcese o paro, en termos interanuais, en Galicia nun mes de novembro, que tamén baixou nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades, así como en todos os sectores económicos e nos colectivos prioritarios para a Xunta: menores de 30 anos, mulleres e parados de longa duración.

A secretaria xeral de Emprego tamén puxo en valor que as afiliacións seguen medrando en Galicia e suman 13.719 cotizantes máis, o que permite que Galicia encadee nove meses consecutivos por riba do millón de afiliados, en concreto 1.023.590, unha media de 38 novas afiliacións ao día.

En canto á evolución mensual, Toca indicou que o aumento rexistrado segue a tendencia dun mes de novembro de toda a serie histórica, xa que desde que hai rexistros en 1996 sempre aumentou de xeito intermensual (agás no ano 2005). De feito é o terceiro menor incremento.

A secretaria xeral de Emprego da Xunta fixo estas valoracións durante unha visita ás instalacións do Grupo Caeiro en Santiago de Compostela, onde anunciou a próxima convocatoria do programa Galicia Emprega. Este plan contará cun orzamento de 10,5 millóns de euros, (un 12% máis que en 2019) destinado para a formación e contratación de 1100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas, e persoas discapacitadas ou en risco de exclusión para impulsar o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar emprego.

Valoración dos sindicatos

Comisións Obreiras (CCOO) alerta que os datos do paro rexistrado consolidan a tendencia de destrución de postos de traballo iniciada hai catro meses. A secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, apunta que, se ben a tendencia é similar a de anos anteriores, diferénciase na súa intensidade, xa que o dato é o peor desde o 2016 e non agoira boas perspectivas para o próximo ano 2020.

“Se a estes datos sumamos a desaceleración da actividade, coñecida hai uns días, e as incertezas no panorama económico tanto no internacional como no máis próximo, podemos intuír un 2020 con dificultades para o emprego en Galicia”, sinala Bouza. En opinión de CCOO, urxe tomar medidas no emprego e no tecido produtivo galego “para evitar que a desaceleración troque en recesión”.

Pola súa banda, UGT-Galicia considera que este foi un mal novembro para o emprego nesta Comunidade, con máis paro, menos afiliación á Seguridade Social, baixas porcentaxes de contratación indefinida e baixas coberturas no desemprego.

O sindicato considera que urxe un cambio nas polítias cun triplo obxectivo: impulsar un crecemento máis equilibrado, sostible e inclusivo; xerar máis e mellor emprego, de calidade e con dereitos; e elevar o benestar e a calidade de vida de todas as persoas, con especial atención á consecución da igualdade e a eliminación das bolsas de pobreza.

Desde USO-Galicia salientan os contratos asinados en Galicia no pasado mes, un 28,12% menos con respecto a outubro, preto de 30.000 contratos menos. En relación a novembro de 2018, o freazo na contratación é do 9,72%. “Estos datos demuestran que el mercado laboral gallego, además de apostar por el empleo temporal, ya que tan solo el 8,6% de los contratos que se firmaron han sido indefinidos, está dando signos de una preocupante ralentización a la que hay que poner freno de manera urgente”, reivindica Javier Souto, o voceiro de USO-Galicia.

En canto aos datos do paro, o 70% dos novos desempregados corresponden ao sector Servizos, e tan so caeu o paro na industria, con 174 parados menos.  “Los servicios y el turismo han dejado de tirar lo suficiente en la creación de empleo, por lo que necesitamos apostar por otros sectores para crear empleo y, sobre todo, empleo de calidad”, defende Souto.

Comentarios
Valoración dos datos do paro do mes de novembro