Son 4.800 entidades que xeran 24.900 empregos

A USC analiza a contribución da economía social en Galicia

Cooperativas e sociedades laborais achegan o 5% do PIB galego, segundo o Libro Branco da Economía Social de Galicia, que foi presentado este mércores na Universidade de Santiago de Compostela.
A USC analiza a contribución da economía social en Galicia
Presentación do Libro Branco da Economía Social na USC.
Presentación do Libro Branco da Economía Social de Galicia, na USC.

O acto, presidido polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, contou coa participación  do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, así como dos directores do traballo, Maite Cancelo e Manuel Botana, directora e presidente do Comité Científico do Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (CECOOP) da USC, do decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais,  Xoán Doldán, do presidente do Foro pola Economía Social Galega, Celso Gándara, e do director de CIRIEC-España, José Luís Monzón.

O Libro Branco da Economía Social de Galicia ten como obxectivo principal cuantificar a importancia que na nosa comunidade autónoma ten todo o conxunto de familias que compoñen a economía social. Outro obxectivo perseguido é visibilizar e analizar, facendo algunhas reflexións, as distintas fórmulas xurídicas e fórmulas asociativas e a súa contribución a economía galega. Dos datos analizados estímase que entre as cooperativas e e as sociedades laborais achegan o 5% do PIB galego, e sumando outras entidades do sector da economía social, como centros especiais de emprego, confrarías ou empresas de inserción, a cifra ascendería ao 7%.

Os diferentes tipos de entidades da economía social

Con datos de 2018, en Galicia hai 1.334 cooperativas que xeran 8.960 empregos e están conformadas por máis de 33.000 cooperativistas, así como 473 sociedades laborais que achegan outros 2.597. Pero se sumamos todas as entidades que forman parte da denominada economía social, a cifra suba a preto de 4.800 que xeran ao redor de 24.900 empregos.

Así, os Centros Especiais de Emprego xeraron uns ingresos no ano 2017 por un total de 380,5 millóns de euros. As Empresas de Inserción galegas facturaron, no 2017, por un total de 1,6 millóns de euros. O dato económico para as confrarías recóllese a partir das vendas nas 41 lonxas galegas que ascendeu aos 490 millóns de euros. Así, sumando os ingresos das tres entidades anteriores, estamos a falar dunha cifra que supera os 870 millóns de euros, superando os 882 se incluímos as mutuas. Este volume de ingresos representa o 1,6% do PIB galego.

No caso das Sociedades Agrarias de Transformación, importante fórmula asociativa no rural, as 1.125 entidades posúen un capital social de 62,9 millóns de euros, o que representa case o 6% do total de SATs de España.

As Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) e as Mancomunidades de Montes Veciñais en Man Común, son fórmulas asociativas de explotación forestal singulares en Galicia que se configuran como un dos principais motores de emprego a nivel local, xa que preto de 700.000 hectáreas (3.312 montes que representan case o 25% do territorio galego) corresponde a monte veciñal de man común. As 2.994 CMVMC e con 19.848 comuneiros, xeran uns ingresos medios de 44.499 euros, o que indica o potencial non só social, senón económico no rural galego.

En abril deste ano había 28 Mutuas de Seguros de ámbito nacional, unha ten a súa sede en Galicia, a Sociedad de Seguros Mutuos Marítimos de Vigo. A esta, hai que engadir outras tres, de ámbito territorial. O seu volume de negocio (primas devengadas) superou os 10 millóns de euros no ano 2018.

O caso singular da ONCE (dado que non é unha entidade con sede en Galicia), merece unha atención especial xa que o seu impacto na nosa Comunidade Autónoma pódese aproximar a través da súa xeración de valor engadido bruto, 36,2 millóns de euros, o que supón o 5,2% do total en España.

Outras conclusións

O Libro Branco da Economía Social de Galicia tamén analiza o marco xurídico: recóllense os cambios normativos así como as trabas burocráticas para a creación, ou desenvolvemento, de novas cooperativas, que necesitan dun cambio na lexislación e no seu desenvolvemento normativo

Os autores da obra tamén recollen o importante crecemento de novas cooperativas, a partir do ano 2018 así como a marxe de mellora na constitución, consolidación e a concentración destas entidades nos tres sectores, onde, maioritariamente, desenvolven a súa actividade: agricultura, a industria manufactureira e o comercio ao por maior.

Nas Sociedades Laborais saliéntase a tendencia á baixa no número de sociedades, tendencia compartida co conxunto estatal. En termos de emprego, a redución foi menor, co que a media de traballadores aumentou no período analizado.

Nos Centros Especiais de Emprego, mais do 50%  dos contratos específicos con persoas con discapacidade realizáronse nestas entidades o que as converten en entidades que hai que potenciar dado o seu elevado valor social.

Nas Empresas de Inserción Laboral hai un fito relevante: o incremento do número de traballadores en modalidade de inserción, e máis concretamente, no número de mulleres nesa situación.

Asemade, o Libro recolle conclusións significativas con relación as outras familias da economía social, así como unha análise das políticas públicas que se están a desenvolver ar en Galicia, a través da análise dos orzamentos da Xunta.

A USC analiza a contribución da economía social en Galicia