A asociación denuncia as dificultades para recuperar o diñeiro das viaxes combinadas

UCGAL alerta sobre os perigos dalgunhas ofertas de entidades eléctricas e financeiras

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) pon a lupa sobre aquelas actuacións de empresas que ameazan os dereitos dos consumidores neste tempo de crise sanitaria e estado de alarma. 

UCGAL alerta sobre os perigos dalgunhas ofertas de entidades eléctricas e financeiras
UCGAL alerta sobre as estratexias de entidas financeiras en relación ás tarxetas revolving./Michal Jarmoluk en Pixabay,
UCGAL alerta sobre as estratexias de entidas financeiras en relación ás tarxetas revolving./Michal Jarmoluk en Pixabay,

Ante a paralización dunha gran parte da actividade económica, as solicitudes de aprazamento do pago de servizos básicos, como a electricidade, ocupan unha porcentaxe importante das demandas que chegan á Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) Algunhas eléctricas ofrecen a posibilidade de adiar e fraccionar o cobro das facturas. Hai casos nos que a opción de retrasar o pago dos recibos só llela presentan aos clientes que pertencen ao mercado libre, quedando excluídos os do mercado regulado.

Desde esta asociación mostran a súa preocupación por este tipo de ofertas que fomentan o cambio, de forma oculta, do mercado regulado, máis barato para os consumidores domésticos, ao libre. Segundo os últimos datos do Panel de Fogares CNMC sobre electricidade e gas, elaborado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, o 64% e o 70% dos fogares españois descoñecen en que mercado teñen contratado a  subministración de luz e gas natural, respectivamente.

Ante isto, UCGAL esíxelle ás eléctricas informar debidamente á súa clientela sobre as condicións de cada oferta e non aproveitarse da situación de crise que están a vivir.

Redución dos intereses das tarxetas de crédito e revolving

En relación ás finanzas apróbase, ademais da moratoria hipotecaria para as persoas en situación de vulnerabilidade, o aprazamento das cotas dos créditos ao consumo durante tres meses, segundo recolle o Real Decreto 11/2020. Un retardo que non supón un incremento dos xuros.

Ademais, algunhas entidades financeiras, que xestionan tarxetas de crédito e revolving, tamén poñen en marcha actuacións en beneficio da súa clientela, a priori. Este tipo de tarxetas permiten devolver o crédito a prazos mediante o pago de cotas periódicas que varían en función das cantidades dispostas. O perigo das tarxetas revolving, salientan desde a UCGAL, radica en que con cada cota pagada o crédito dispoñible volve reconstituírse e, dependendo do tipo de xuro, pode que nunca se chegue a acabar de amortizar a débeda. Así é que o pasado mes de marzo, o Tribunal Supremo considerou os xuros (do 27%) aplicados a unha tarxeta revolving de “usurarios”, coa consecuente anulación do contrato e a devolución das cantidades abonadas en exceso.

Agora, determinadas entidades financeiras ofertan unha rebaixa nos xuros das tarxetas de crédito e revolving (ata o 21%), unha porcentaxe que se axusta á media do tipo de xuros para estes produtos, segundo informa o Banco de España co obxectivo de evitar un tipo sensiblemente superior. Polo tanto, non están a ofertar ningún beneficio extra.

Para a Unión de Consumidores de Galicia trátase dunha estratexia para disuadir ás persoas consumidoras de reclamar polos xuros usurarios cobrados anteriormente e, por iso, chámaas a seguir defendendo os seus dereitos e non deixarse confundir por este tipo de artimañas.

Recuperación dos cartos das viaxes combinadas

Por mor da covid-19 están sendo canceladas moitas viaxes combinadas, aquelas nas que se contratan polo menos dous servizos (transporte e aloxamento, por exemplo) de forma conxunta cunha axencia. Seguindo o Real Decreto 11/2020,  establécese que os viaxeiros afectados teñen dereito ao reembolso dos cartos que gastaron nesa viaxe ou, como alternativa, a un bono por dita contía cun período de validez dun ano desde o fin do estado de alarma. No caso de non ser consumido, solicitaríase a devolución do seu importe.

Desde UCGAL informan de que algunhas axencias de viaxes non están a cumprir con esta obriga, negándose a devolver o diñeiro, ben sexa porque non contemplan facelo, aínda tratándose dunha causa de forza maior, ou porque os organizadores da viaxe (aeroliñas, hoteis, etc.) non lles reintegran as correspondentes contías. Ademais, consideran que estas empresas deben garantir o goce dos bonos ante a incerteza actual, pois no caso de que botaran o peche, as persoas consumidoras poderían perder a viaxe e, polo tanto, o seu diñeiro.

Desde o 12 de marzo,  a Unión de Consumidores de Galicia mantén o seu servizo de atención de xeito telemático, por teléfono, correo electrónico ou na propia web.

Comentarios
UCGAL alerta sobre os perigos dalgunhas ofertas de entidades eléctricas e financeiras