O CPEIG avoga por dar visibilidade á importancia que as mulleres teñen na industria e na universidade

Só o 35% dos estudantes matriculados en carreiras STEM son mulleres

No Día Internacional da Muller, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) chama a atención sobre a situación da muller na profesión, aínda moi masculinizada con apenas un 17% de mulleres, de xeito similar ao que acontece en todo o sector TIC.
Só o 35% dos estudantes matriculados en carreiras STEM son mulleres
Mulleres_en_STEM__1615227398_93948
A enxeñaría en informática é aínda unha profesión moi masculinizada con apenas un 17% de mulleres, de xeito similar ao que acontece en todo o sector TIC.

No sector TIC en España nove de cada dez traballadores son homes, a pesar de que como sinala a Comisión Europea alcanzar a paridade de homes e mulleres na industria dixital permitiría elevar o PIB da Unión Europea nuns 9.000 millóns de euros anuais. Por exemplo, no campo da intelixencia artificial (IA) o informe Global Gender Gap Report que elabora o Foro Económico Mundial reflicte que só o 22% dos traballadores deste campo son mulleres.

Os sistemas informáticos gobernan multitude de ámbitos, como as comunicacións, transporte, maquinaria industrial, ámbito sanitario, aeronáutica, abastecemento de enerxía ou o sistema xurídico. Neste camiño cara a economía dixital, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) considera que as empresas españolas e galegas deben transformarse dixitalmente para contribuír ao incremento da produtividade e a innovación. “A nosa profesión ten o compromiso claro e irrenunciable de construír unha sociedade da información centrada na persoa, inclusiva e onde todos poidan crear, acceder, utilizar e compartir a información e o coñecemento, para permitir a persoas, comunidades e pobos alcanzar o seu pleno potencial, a promoción do seu desenvolvemento sustentable e a mellora da súa calidade de vida”, explica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Ademais, Suárez salienta que esta demanda de profesionais TIC altamente cualificados poderá ser un “excelente motor de igualdade” e fomento da incorporación de mulleres a distintos sectores produtivos.

No contexto educativo, o Bacharelato científico e tecnolóxico non está á cabeza do que elixen os alumnos, e menos aínda as alumnas. Fernando Suárez afirma que espertar as vocacións tecnolóxicas e científicas entre as mulleres en idades temperás “pode ser o mellor camiño para garantir que a poboación feminina se incorpore dunha maneira natural ao estudo das chamadas carreiras STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e que xoguen un papel relevante nos sectores que están definindo as tendencias de futuro”.

Tamén asegura que é importante que todos os axentes do sistema educativo –pais, nais e profesores– estean concienciados da importancia de impulsar estas materias e profesións. “Só o 35% dos estudantes matriculados en carreiras STEM son mulleres, e só o 3% das estudantes escollen estudos no ámbito das TIC”, indica.

Mulleres destacadas no mundo da informática

A pesar destes datos negativos, tanto no ámbito académico como profesional, Fernando Suárez asegura que a informática tamén é cousa de mulleres, e foron moitas as que xogaron un papel crucial durante décadas, como a coñecida Ada Byron, que pasará á historia como a primeira programadora e da que o CPEIG adoptou o nome para crear un premio pioneiro, a distinción Ada Byron da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Ademais, lembrou outras figuras femininas excepcionais do sector tecnolóxico, como Grace Murray Hopper, creadora do primeiro compilador; Anita Borg, fundadora do Instituto da Muller e a Tecnoloxía; Hedy Lamarr, estrela do Hollywood clásico e inventora do espectro ensanchado por salto de frecuencia que se utiliza nos GPS, Bluetooth ou nas conexións WIFI; ou Ana María Prieto, a primeira programadora galega. “É hora de borrar os estereotipos de xénero que existen en relación ás profesións STEM e dar visibilidade á importancia que as mulleres teñen, tanto na industria como na universidade”, asegura.

Para incentivar estas vocacións tecnolóxicas entre as rapazas, o CPEIG ten en marcha programas e proxectos que incentivan a súa curiosidade en robótica, programación ou intelixencia artificial, así como xornadas para presentar experiencias profesionais de mulleres relevantes en sectores científicos e tecnolóxicos.

A presenza da muller na xunta de goberno do CPEIG supera a media que existe nos estudos de informática, con tres representantes: a vicepresidenta, Susana Ladra, directora do Campus Innova da Universidade da Coruña (UDC); a vicetesoureira, Lorena Otero, profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo; e María Pilar Vila Avendaño, CEO da empresa Forensic & Security.

Comentarios
Só o 35% dos estudantes matriculados en carreiras STEM son mulleres