Informe da Economía Social en Galicia 2020

En plena crise do covid-19 creáronse en Galicia máis de 120 entidades de economía social

No ano 2020, en plena crise do COVID-19 en Galicia creáronse 98 cooperativas con 255 socios e socias promotores; 23 sociedades laborais, con 58 socios e socias; 4 centros especiais de emprego e unha empresa de inserción laboral. 

En plena crise do covid-19 creáronse en Galicia máis de 120 entidades de economía social
Presentación do informe sobre a economía social en Galicia, na Facultade de CCEE e Empresariais da USC.
Presentación do informe sobre a economía social en Galicia, na Facultade de CCEE e Empresariais da USC.

Son datos do informe da Economía Social galega no ano 2020, presentados este mércores en Santiago, no marco da III Semana Universitaria da Economía Social, pola directora do CECOOP, Maite Cancelo.

Xunto a Cancelo, na presentación do informe participaron a directora Xeral de Emprego e Economía Social, Covadonga Toca, o presidente do Foro da Economía Social de Galicia, Celso Gándara, o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán Doldán e a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias. Tamén estiveron presentes os representantes de catro experiencias de economía social na nosa Comunidade: Jesús Otero, de Bico de Xeado, Pilar Rodríguez, de Dehistoria, Rosa Gutierrez, de Coregal CEE, e Isabel Fraga, de Arroupa, EIL.

No acto, a a directora Xeral de Emprego e Economía Social da Xunta destacou as dúas virtudes do modelo da economía social: o seu dinamismo e a resiliencia que demostra "ante situacións de escaseza de materias primas e de crises", mentres que o presidente do Forolo pola Economía Social, apuntou "aos principios e valores que nos fan diferentes" e subliñou a importancia destas empresas "centradas nas persoas". Gándara puxo en valor o impacto socioeconómico da economía social e o seu crecemento inclusivo, "ademais da súa capacidade de xerar actividade, emprego e oferta de servizos chave nas zonas rurais".

 

Conclusións do estudo

Do estudo constátase que a creación de cooperativas en Galicia en 2020 foi máis favorable que no conxunto do Estado e que na creación de sociedades mercantis.

A 31 de decembro dese ano, había inscritas no Rexistro da Xunta 1.452 cooperativas e 1.459 sociedades laborais. Esta información non coincide co número de sociedades inscritas na Seguridade Social, publicada polo Ministerio de Traballo e de Economía Social. Mantéñense os 111 centros especiais de emprego que tíñamos no 2019, mentres que aumentan en unha as empresas de inserción, sendo 13 no último ano. 63 confrarías, 1.088 sociedades agrarias de transformación, 3.013 comunidades de montes veciñais en man común, e as 4 mutuas completan o mapa das entidades de mercado da Economía Social en Galicia

As cooperativas galegas contribúen cun 4 % do total de cooperativas inscritas na seguridade social en España, unha cantidade inferior á que lle correspondería en proporción á súa participación no PIB, na poboación estatal e no conxunto de empresas do Estado. O dato positivo é o maior dinamismo na creación destas sociedades en Galicia, incluso no ano 2020 fortemente marcado pola pandemia.

Decrecen as sociedades laborais

No que respecta á evolución das sociedades laborais, é decrecente no tempo, tanto en Galicia coma en España, segundo os datos publicados polo Ministerio de Traballo e Economía Social. No último ano, a data de 30 de xuño, hai 417 sociedades galegas inscritas na Seguridade Social, sendo 439 menos que as que había en 2009, cunha caída media anual similar á media española (-6,3%).

A presenza das mulleres na estrutura destas sociedades en Galicia acadou o 66,7%% no ano 2020 na categoría de socios capitalistas e o 33,3% nos traballadores, sendo ambas porcentaxes superiores ás da media española (40,8% e 31,1%).

Os centros especiais de emprego

Máis da metade dos centros especiais de emprego (CEE) centran as súas actividades no sector servizos (55,7%), levando a cabo principalmente actividades de limpeza xeral de edificios e de xardinería.

Dende o ano 2013 para Galicia e o 2008 para España, máis da metade dos contratos específicos a persoas con discapacidade realizáronse en centros especiais de emprego. No caso galego de cada 5 contratos, 3 realizáronse nun CEE no ano 2020.

En decembro de 2020, había 13 empresas de inserción activas e rexistradas na Xunta de Galicia, polo que a crise marcada pola pandemia do covid-19 non afectou negativamente a estas empresas. Por sectores: 9 delas clasifícanse nos servicios, 1 no sector primario, 2 na industria e 1 na construción. Por provincias, a maioría, 7, teñen a sede na provincia de A Coruña, 4 en Pontevedra e 2 en Lugo. Todas teñen a forma xurídica de sociedade limitada.

Confrarías de pescadores, SAT e comunidades de montes

No ano 2020 había 63 confrarías de pescadores, que representan o 31,8% do total das españolas (198), organizadas en 3 federacións e que conforman a Federación Galega de Confrarías de Pescadores. En Lugo atopamos 6 confrarías, 35 en A Coruña e 22 en Pontevedra. Das 11.498 afiliacións ás confrarías galegas, o 65,9 % son traballadores e traballadoras (7.577) e 3.921 corresponden a empresas.

No ano 2020 detéctase unha caída no número de afiliacións nas confrarías de pescadores, tanto de empresas como de traballadores, nas tres federacións provinciais. As maiores caídas do número de afiliados prodúcense en Lugo e Pontevedra (pola maior redución das empresas afiliadas, -18 e -15 %, respectivamente). No caso da Coruña, é superior a caída do número de afiliacións de traballadores, -15,9 %, aínda que a caída está preto da media galega (-15,7 %). A maior caída das afiliacións de mulleres, tanto na categoría de empresarias como de traballadoras, fai que perdan peso nas confrarías de pescadores, representando o 37,75% das persoas traballadoras e o 12,56% das empresarias.

En Galicia, en 2020, había 1.088 sociedades agrarias de transformación (SAT), onde participan 10.304 socios, cun capital social de 60,6 millóns de euros. Unhas cifras que permiten situar a Galicia como a sexta Comunidade Autónoma por número de SAT e a oitava por número de socios e capital social. Unhas cifras que poñen en valor a importancia deste tipo de entidades no sector primario galego.

O monte en Galicia representa máis do 60% da superficie total, cunha estrutura de propiedades singular xa que preto de 700.000 hectáreas de territorio galego (case o 25%) corresponde a montes veciñais de man común (MVMC) sendo 3.013 as comunidades que as xestionan.

O informe foi elaborado conxuntamente polos profesores e investigadores das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo Dolores Álvarez, Manuel Botana, María Bastida, Maite Cancelo, Rosarío Díaz, Pilar Expósito, Rafael Millán, José Antonio Montero, Ana Olveira, Alberto Vaquero, Emilia Vázquez Rozas e Miguel A. Vázquez Taín.

En plena crise do covid-19 creáronse en Galicia máis de 120 entidades de economía social