Animan a mobilizarse o 8M

A pandemia deteriorou as condicións laborais das mulleres, conclúen os sindicatos

Co gallo da celebración do 8 de Marzo, Día internacional da Muller Traballadora, os principais sindicatos (CIG, CCOO e UGT-Galicia) realizan unha análise da situación da muller no mercado laboral e conclúen que a pandemia de covid-19 empeorou as súas condicións laborais, polo que fan un chamamento á mobilización.
A pandemia deteriorou as condicións laborais das mulleres, conclúen os sindicatos
A secretaria de Muller e Igualdade do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Mamen Sabio.
A secretaria de Muller e Igualdade do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Mamen Sabio.

A secretaria de Muller e Igualdade do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Mamen Sabio, afirmou en rolda de prensa que o agravamento das desigualdades “carga de razóns” o movemento feminista para mobilizarse o 8 de marzo.

Explicou a sindicalista que as mulleres seguen representando a “inmensa maioría” da poboación que abandona o mercado de traballo para asumir os coidados familiares, concretamente o 87,9 %. Esta é unha das razóns polas que hai máis galegas ca galegos en idade legal de traballar, pero menos participando no mercado laboral. Segundo o informe “Mulleres esenciais: situación sociolaboral das mullers en Galicia 2020”, elaborado por Comisións, a pandemia foi un dos grandes condicionantes por tras da asunción das tarefas dos coidados, en boa medida porque os ERTE afectaron especialmente á poboación feminina —representan seis de cada dez persoas nesta situación— e polas dificultades para a conciliación durante o confinamento.

O maior peso das mulleres nos ERTE ten a súa explicación en que un dos sectores con máis regulacións de emprego foi o da hostalaría —por mor das restricións sanitarias—, que é unha das actividades máis feminizadas. A situación da hostalaría é un exemplo da segregación horizontal no mercado laboral. As mulleres traballan mormente nos servizos e teñen máis presenza ca os homes en actividades como as sanitarias e de servizos sociais, educación ou hostalaría. En cambio, hai outras ramas en que a muller ten escasa presenza como é o caso da construción ou a industria extractiva.

Porén, segundo o estudo de CCOO, tamén persiste a segregación vertical: as mulleres son maioría na categoría «ocupacións elementais»; as ocupacións seguen asentando nos roles tradicionais de xénero.

Ademais, a xornada parcial "ten unha clara marca de xénero", apunta a secretaria de Muller e Igualdade de CCOO: o 77 % das persoas que traballan a xornada parcial son mulleres. A xornada parcial non é voluntaria na maioría dos casos. "A razón predominante para elixila é non atopar un traballo de xornada completa, como manifestaron o 57 % das ocupadas que se acolleron a esa xornada", explica Sabio. O seguinte motivo máis aducido é o coidado de menores ou de adultos enfermos, incapacitados ou maiores: o 98 % das persoas que traballan a xornada parcial por esa causa son mulleres.

Entre os avances, Sabio destaca que as mulleres ocupan postos de traballo que requiren unha alta cualificación, é dicir, os técnicos e profesionais científicos e intelectuais. Representan o 54,8 % da poboación ocupada nesa categoría fronte ao 45 % dos homes; aínda así, en comparación cos outros anos, descendeu case catro puntos a ocupación feminina nesa categoría.

Chamada á mobilización da CIG

O sindicato CIG tamén fai unha chamada á mobilización o vindeiro 8 de marzo, cumprindo estritamente con todas as medidas de seguridade. A CIG ten convocadas 31 mobilizacións en cidades e vilas galegas para facilitar a participación de todas durante a xornada de folga de mulleres e anima tamén a participar nas manifestacións convocadas pola plataforma Galegas 8M, a central sindical fai parte.

A este respecto, a secretaría das Mulleres da CIG, Margarida Corral, explicou que “os nosos dereitos non poden ficar confinados e urxe, agora, máis que nunca, saír á rúa para esixir medidas reais contra a precarización das condicións de vida das mulleres e visibilizar e frear o detrimento das nosas condicións laborais, de saúde, económicas e sociais derivadas desta crise”.

Corral, denuncia, entre outras cuestións, a sobreexplotación; a precariedade das mozas que intentan acceder ao emprego; a das que suman moreas de contratos a tempo parcial e de curta duración; a explotación das traballadoras do comercio, dos sectores sociosanitarios; os abusos ás traballadoras dos centros de chamadas, ás traballadoras do fogar; a situación das que tiveron que renunciar a salarios por ter que coidar da súa familia ou os despedimentos realizados de xeito oportunista por unha patronal que veu na pandemia a oportunidade para liquidar os seus contratos.

Isto xunto a denuncia de que as mulleres son as máis prexudicadas pola fenda dixital ou pola analfabetización electrónica que tanto dificultou o seu acceso a axudas e prestacións; as pensións miserentas ou os riscos asumidos por falta de equipos de protección mesmo nos servizos esenciais durante a pandemia. "Unha crise sanitaria que pagaron as mulleres co seu lombo e co seu traballo de balde, limpando, curando, coidando", sinalan desde a central sindical.

Concentracións de UGT-Galicia nas súas sedes

Tamén UGT-Galicia convocará concentracións en varias das súas sedes a media mañá do 8 de marzo. O sindicato realizou un balance da situación das mulleres no emprego, constatando que a pandemia evidenciou en maior medida os desequilibrios e desigualdades de xénero entre homes e mulleres.

“Nestes momentos faise máis necesario que nunca redobrar os esforzos para vencer os retos que esta pandemia exponnos en todos os ámbitos e especialmente nos do emprego e a igualdade de xénero”, apuntan desde UGT-Galicia.

"Os indicadores mostran, neste balance do ano 2020, que seguimos con taxas de actividade, emprego, paro, retribucións e asunción de responsabilidades familiares que representan brechas de xénero moi importantes. Xunto a estes datos, a feminización do traballo a tempo parcial, do traballo de coidados, a segregación ocupacional e a maior precariedade no emprego das mulleres, continúa sendo unha realidade. Hai que actuar con especial contundencia, para facer fronte a esta situación, non só para eliminar a desigualdade, senón tamén para evitar que esta situación véxase máis agravada polos efectos económicos da pandemia", recolle o comunicado de UGT-Galicia.

Asemade o sindicato fai referencia á crise de coidados, que se viu agravada durante a pandemia. “Trátase dun sector laboral de coidados fortemente feminizado e moi precarizado, pola ausencia dunhas políticas efectivas con perspectiva de xénero en materia de corresponsabilidade entre mulleres e homes, así como a falta dunha protección social adecuada e igualitaria nas tarefas de coidado. Coa pandemia, os feitos deixaron máis claro que nunca que a crise de coidados é un problema estrutural e global que require respostas políticas que estean á altura para poder resolver os graves problemas sociais, económicos e de desigualdade que conlevan e que inxustamente recaen maioritariamente sobre as mulleres. A necesidade de dignificar o sector de coidados, de contar con servizos públicos de calidade nesta materia, de adoptar máis e mellores políticas de corresponsabilidade e compatibilidade da vida familiar e laboral e de protección social igualitaria, resultan imprescindibles para toda a sociedade, porque aínda que as consecuencias especialmente negativas recaen sobre a mulleres, os coidados son esenciais para toda a sociedade”, conclúe.

A pandemia deteriorou as condicións laborais das mulleres, conclúen os sindicatos