Informe "A cadea forestal-madeira de Galicia"

A industria da madeira facturou preto de 2.000 millóns en 2020, dos que 700 proveñen de exportacións

A industria galega da madeira facturou preto de 2.000 millóns de euros en 2020, cifra inferior aos preto de 2.150 millóns facturados no 2019 e os preto de 2.300 do 2018, pero sitúanse á súa vez “por debaixo do esperado” pola propia industria, que prevía un maior descenso por mor dos efectos da pandemia. 
A industria da madeira facturou preto de 2.000 millóns en 2020, dos que 700 proveñen de exportacións
Axenes do sector forestal na presentación en Vedra (A Coruña) do informe
Axentes do sector forestal na presentación en Vedra (A Coruña) do informe "A cadea forestal-madeira de Galicia"./DUVI.

Así o explicou este luns o director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos, na presentación do informe "A cadea forestal-madeira de Galicia" correspondente aos anos 2019 e 2020, que o centro do campus pontevedrés elaborou xunto coa da Axencia da Industria Forestal de Galicia (Xera) e o Instituto Galego de Estatística (IGE). O informe permite así mesmo observar que as exportacións desta industria diminuíron o pasado exercicio un 20%, para situarse preto dos 700 millóns.

Coordinado por Picos, o informe presentouse nun acto presidido polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, que destacou o “bo comportamento que mantivo no último ano a industria forestal de Galicia, que encara agora os retos da bioeconomía e a economía circular”. O vicepresidente valorou que, a pesar do impacto da pandemia, o sector tivo o pasado exercicio un “mellor comportamento do esperado en termos de facturación e consumo”. De feito, sinalou que en ámbitos como a industria da madeira e a cortiza ou a fabricación de mobles estase a rexistrar “un incremento de produtos e prezos á alza”, con subas de entre o 17% e o 18%. 

Facturación e exportacións

Segundo recolle o informe, a industria forestal e da madeira alcanzou en 2019 unha facturación conxunta de 2.158 millóns, dos que 960 correspóndese ao segmento do taboleiro e da pasta, 444 ao de rematantes, 385 á industria de segunda transformación e 369 ao sector dos serradoiros. En 2020, a industria do taboleiro e a pasta facturou 892 millóns, mentres que os rematantes facturaron 426 e tanto o sector da segunda transformación, no que se insiren carpintería e mobles, como o serrado facturaron 339 millóns. A estes segmentos, sinalou Picos, cómpre engadir os entre 70 e 100 millóns xerados polo uso da biomasa con fins enerxéticos e que situarían en preto de 2100 millóns o volume conxunto de negocio no pasado exercicio.

“Digamos que en 2019 houbo xa un descenso na facturación con respecto a 2018, entre outras cousas, porque baixou o prezo da pasta de papel e porque houbo tamén un descenso no sector do contract”, explicou o coordinador do informe. Neste senso, Picos incidiu que 2020 arrancou seguindo esa mesma “tendencia descendente” ata o confinamento, cando “houbo un certo parón nalgunhas das actividades”. Mais, tras este, o sector “rebotou con moita forza” nos últimos meses do pasado ano, facendo que o descenso final na facturación se situase en preto do 7%, “por debaixo do esperado”. Neste punto, Picos lembrou as enquisas que a EE Forestal realizou ao sector xunto con Xera para coñecer os efectos da pandemia na súa actividade e nas que estimaban que o seu volume de facturación ía descender en primeiro termo nun 30% e, posteriormente, en preto do 17% 

No referido ás exportacións, nos últimos dous exercicios rexistrouse unha tendencia descendente, tras un 2018 “de récords”, como lembraba Picos. A pandemia contribuíu a que as vendas a outros países case en preto dun 20% entre 2019 e 2020, o que á súa vez amosa, como sinalou o investigador, que o “sector fixo un esforzo por compensar en mercados locais os efectos do confinamento, o que di moito da súa capacidade de resiliencia”. Con respecto ao conxunto da industria en España, Galicia xerou o 15% das exportacións totais, porcentaxe que ascende ao 31% no caso da madeira e ao 27% no referido á pasta de papel. 

Mantemento do emprego

Partindo das cifras no número de afiliacións á Seguridade Social, a cadea do sector forestal e da madeira supuxo o “emprego medio” de máis de 18.000 persoas tanto en 2019 como en 2020. Trátase, como sinalou Picos, “dunha cifra que non varía desde hai anos” e que amosa que se trata dun “sector que intenta conservar o emprego”. Segundo recolle o informe, preto do 48% dos asalariados correspóndense coa industria da madeira, un 25% coa silvicultura e explotación forestal, un 19% coa fabricación de mobles e un 8% coa industria do papel. Nese senso, o sector supón preto do 12% do emprego industrial en Galicia, ao que se suma o feito de que boa parte deste dáse “en comarcas de natureza rural onde supón unha das poucas actividades industriais”.

Boas expectativas de futuro 

Máis aló das cifras dos dous últimos exercicios, Picos analizou tamén o aumento, tanto da demanda como dos prezos, rexistrado polo mercado mundial da madeira nos últimos meses. Este responde por unha banda, explicou, a un “efecto conxuntural” derivado da pandemia, que “xerou unha maior demanda nos segmentos do bricolaxe, as reformas e o acondicionamento dos fogares”, pero vén motivado tamén por un “efecto estrutural” provocado polo aumento da demanda de madeira para construción tanto nos Estados Unidos como na China, que a converteron nun "ben estratéxico a nivel global" e que fai prever que fai prever que os prezos manteranse elevados durante certo tempo.

Comentarios
A industria da madeira facturou preto de 2.000 millóns en 2020, dos que 700 proveñen de exportacións