En novembro aboáronse 20.183 prestacións

O IMV só chega a catro de cada dez beneficiarios potenciais

Algo máis de 20.000 galegos percibiron no último mes o ingreso mínimo vital (IMV), unha prestación que desde CCOO consideran positiva pero "aínda insuficiente". O sindicato calcula que o IMV  só chega a catro de cada dez fogares galegos potencialmente beneficiarios da prestación.
O IMV só chega a catro de cada dez beneficiarios potenciais
Maica Bouza, secretaria
Maica Bouza, secretaria de Emprego e Política Social de CCOO en Galicia.

Segundo un informe elaborado por CCOO, en novembro aboáronse en Galicia 20.183 prestacións do ingreso mínimo vital (IMV) que beneficiaron a 51.543 persoas, o que permite concluír que en cada fogar perceptor viven, de media, 2,55 persoas. A contía media por fogar foi de 502,85 euros e, por persoa, de 196,91 euros.

A secretaria de Emprego e Política Social do sindicato, Maica Bouza, sinala que un recente relatorio da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal pon de manifesto que o IMV "só despregou unha parte do seu potencial", polo que 2aínda lle queda percorrido para se converter nun instrumento máis potente na loita contra a pobreza" apunta a sindicalista.

De feito, en Galicia só chega a un 39 % dos potenciais fogares beneficiarios e podería absorber o 78 % das actuais prestacións da Risga, o que "liberaría recursos" para atender tanto os colectivos que quedan fóra da cobertura do IMV como outras necesidades sociais.

A enquisa de condicións de vida do INE de 2021, publicada en xuño deste ano, sitúa a poboación galega en risco de pobreza no 20,2 % do total, ou sexa, 545 767 persoas. Neste "grave contexto", a secretaria de Política Social de CCOO coida que as redes de protección social «deben desempeñar un papel determinante» e esixe que a Risga cubra as necesidades das persoas ás que non chega o ingreso mínimo.

O informe de CCOO sinala que unhas 30.000 persoas perciben rendas de integración —sumando as perceptoras do IMV e da Risga—, das que se benefician unhas 75.000 persoas. Isto quere dicir que só 14 de cada 100 persoas en risco de pobreza teñen unha prestación.

Para corrixir a situación, o sindicato esixe máis flexibilidade nos requisitos, menos burocracia e máis orzamento. "Estes son pasos imprescindibles se queremos reducir a pobreza e a exclusión social en Galicia", conclúe Bouza.

Perfil da persoa perceptora

O perfil da persoa titular dunha prestación do IMV en Galicia é o dunha muller (representan sete de cada dez perceptoras da prestación), de 45 anos de media, que convive con outra persoa, sen menores a cargo e de nacionalidade española.

O IMV só chega a catro de cada dez beneficiarios potenciais