Valoracións dos datos de paro e afiliacións

A cifra máis baixa de desempregados de toda a serie histórica para un mes de decembro

A Xunta de Galicia, e os sindicatos CIG, CCOO e UGT-Galicia veñen de valorar os datos de desemprego, contratacións e afiliacións á Seguridade Social coñecidos este martes, correspondentes ao mes de decembro de 2022.
A cifra máis baixa de desempregados de toda a serie histórica para un mes de decembro

A cifra máis baixa de parados nun mes de decembro desde 1996 e o récord na contratación indefinida nun mes de decembro son a parte positiva dos datos de emprego e afiliacións coñecidos este martes. Na parte negativa: a perda de afiliacións á Seguridade Social e un peor comportamento que o do conxunto de España.

Desde a Administración galega, a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, destacou que a cifra de parados coa que Galicia pecha 2022, 142.222 persoas, é a máis baixa de toda a serie histórica para un mes de decembro. Lado tamén puxo en valor o descenso do paro en colectivos prioritarios como o de menores de 30 ou mulleres, que anotan o mellor dato en 17 anos, desde que se conta con rexistros oficiais. Tamén nos parados de longa duración se anotou un descenso de -8,77%, recalcou a directora xeral.  

Efecto positivo da reforma laboral

Para UGT-Galicia os datos de paro na nosa Comunidade no mes de decembro, ademais da lóxica mellora polas contratacións de Nadal, amosa unha mellora clara do mercado laboral, efecto directo das reformas laborais introducidas. Cos datos publicados polo Ministerio de Trabajo y Economía Social e polo Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones compróbase unha caída do desemprego tanto con respecto ao mes anterior (536 parados menos) como con respecto ao mesmo mes  de 2021 (10.362 persoas desempregadas menos que hai un ano).

O sindicato constata tamén un récord na contratación indefinida nun mes de decembro, o 29.32% por cento total de contratación, aínda que recorda que é dez puntos máis baixa que no Estado, onde acada o 39% da contratación). UGT lembra que en decembro de 2021 a porcentaxe de contratación indefinida era do 9,46%.

Debilidade do mercado laboral galego

Con todo, para a CIG os datos do paro feitos públicos polo SEPE evidencian unha vez máis a febleza e os problemas estruturais que padece o mercado laboral galego, que continúa a expulsar persoas traballadoras, con 5.345 afiliadas menos en decembro con respecto ao mes anterior. E iso que neste período o número de persoas desempregadas rexistrou un leve descenso (536) ligado á contratación a tempo parcial no sector servizos coincidindo coa campaña de Nadal.

Esta estacionalidade do emprego provocou que dos 52.044 contratos asinados no mes de decembro, un total de 36.785 fosen temporais e unicamente 15.259 indefinidos. A isto hai que sumar que o 65% da contratación indefinida non é a xornada completa, porcentaxe que se sitúa no 30% no caso da contratación temporal, “producíndose unha parcialización do emprego que crea unha falsa expectativa de creación de postos de traballo”, en palabras de Paco Sío, secretario confederal de Emprego e Industria da CIG.

Peor comportamento do emprego ca no Estado

Os datos do paro rexistrado do mes de decembro evidencian un bo comportamento do emprego no ano 2022, recalcan desde Comisións Obreiras. Porén, como adoita ser habitual nos últimos meses, as cifras son peores en Galicia ca no conxunto do Estado, engade o sindicato. O desemprego redúcese menos que en España (un 6,79% en Galicia fronte a un 8,64% no Estado) e a afiliación medra menos (un 0,92% en Galicia e un 2,38% no conxunto estatal) debido, en parte, a un peor comportamento do mercado laboral no mes de decembro. Se unha mesma lexislación pon de manifesto unha evolución tan diferente dos indicadores laborais, “a explicación haberá que buscala nas eivas da nosa estrutura produtiva e nas políticas, ou na ausencia das mesma, aplicadas a nivel autonómico”, sinala Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO. 

Outro dato positivo é que, “grazas á reforma laboral” —puntualiza Bouza—, os contratos indefinidos triplicáronse, ao tempo que a precariedade se reduciu “de maneira notable”.

No lado contrario, a sindicalista denuncia a fenda de xénero que sofren as traballadoras galegas. En Galicia hai 59.848 homes e 82.374 mulleres en desemprego ao remate do mes de decembro de 2022. No último ano, o paro descendeu tanto entre os homes (4.895 desempregados menos) como entre as mulleres (5.467 menos). A maior redución do desemprego feminino non impide, con todo, que as mulleres teñan un peso cada vez maior no desemprego: 52% en 2021 por 58% en 2022.

A cifra máis baixa de desempregados de toda a serie histórica para un mes de decembro