Enquisa de Santiago Centro e EmRede

O 45% do comercio compostelán pechará se a situación non mellora en tres meses

Unha enquisa realizada por Santiago Centro e EmRede entre comerciantes de Santiago mostra que tres cuartas partes dos comerciantes están pouco ou nada confiados nunha reactivación económica nos próximos meses.

O 45% do comercio compostelán pechará se a situación non mellora en tres meses
Rúa do Ensanche de Santiago.
Case a metade dos comerciantes de Santiago teme ter que pechar definitivamente nun prazo máximo de tres meses./ARQUIVO.

A sondaxe, realizada entre os días 22 e 25 de xaneiro, antes do anuncio por parte da Xunta de Galicia das novas medidas restritivas que entran en vigor este mércores 27, debuxa un sector do comercio na capital galega completamente asfixiado, no que case a metade dos comerciantes teme ter que pechar definitivamente nun prazo máximo de tres meses, e que veu como a súa facturación se afundiu, en moitos casos máis do 70%.

A gravidade da situación móstraa o indicador da percepción da situación económica que manifestan os enquisados. Non chega ao 10% o número de comerciantes que a ven estable ou boa, mentres que o 12,8% estímana regular, e o 78,7% mala, moi mala ou crítica. O 57,4% dos negocios viron como a súa facturación caeu entre o 40 e o 50% con respecto aos mesmos meses anteriores á pandemia, e case o 15% manifesta caídas superiores ao 70%.

“O comercio está nunha situación crítica”, afirma Chema Fernández, presidente de Santiago Centro, que destaca que as axudas deseñadas ata agora non abondan para un sector que precisa xa de “decisións firmes de apoio por parte de todas as administracións que vaian máis aló de facilitar ICOS, ou de ERTES con compromiso de mantemento dos postos de traballo, cando a incerteza sobre o futuro inmediato é absoluta. Somos moi conscientes de que unha situación tan grave como a que vivimos esixe a adopción de medidas extremas, como o peche perimetral da cidade ou a redución de aforos e horarios, pero as administracións deben ser tamén conscientes de que se non hai apoios directos a pandemia vai arrasar o comercio de proximidade. Xa non hai máis capacidade de aguante”.

Pola súa parte a presidenta de Proxecto EmRede, Eva López, destaca que as prestacións a autónomos son completamente insuficientes e que para nada se adaptan á situación do comercio retallista. “A maioría dos comerciantes renunciaron á prestación porque non cumprían os requisitos, pero estando abertos a facturación non chega nin para cubrir os gastos mínimos de alugueiro, enerxía ou asesorías, xa sen contar ao persoal. É como a pescada que se morde a cola. Non poden manter as prestacións porque non cumpren os requisitos, pero tampouco manter os negocios abertos porque a facturación non dá para facelo”.

O comercio chega a esta situación rematando o mes de xaneiro tras comprobarse que os resultados das campañas de Nadal e Rebaixas non foron os esperados. Ningunha das dúas campañas axudou a inxectar liquidez ao comercio compostelán. En Nadal, o 17% reduciu a facturación nun 70% con respecto á mesma campaña de 2019, e o 48% confirman unha redución das cifras de negocio de entre o 40 e o 70%. Só o 12,8% dos establecementos logrou manter os números da campaña de 2019. Os resultados económicos nas rebaixas están a ser moi similares, ou aínda peores, xa que 3 de cada 4 comerciantes manifestan reducións da facturación superiores ao 40%.

ERTE, ICO e alugueiros

O peso dos ERTE segue a ser importante no sector, xa que un 34% dos enquisados contan con empregados acollidos a esta fórmula de axudas. Aqueles que non contan con persoal en ERTE afirman maioritariamente telo recuperado despois dos primeiros meses de pandemia, ou non teren persoal ao cargo. O 76,6% dos comerciantes enquisados pediu tamén a prestación como autónomo, aínda que na inmensa maioría dos casos só o fixeron durante as semanas de confinamento, a pasada primavera.

Tamén no terreo das axudas públicas, o 46,8% acudiu aos fondos ICO para manter o negocio. Aproximadamente a metade lograron negociar cos propietarios do local unha rebaixa no custe do alugueiro ou unha fórmula de pago alternativa. 

En canto á confianza na recuperación os indicadores seguen sendo negativos. Tres cuartas partes dos enquisados amósanse pouco ou nada confiados na reactivación en tres meses, unha cifra que baixa ao 61% se o horizonte se fixa no medio ano.

Os datos son dunha sondaxe realizada entre os días 22 e 25 deste mes de xaneiro mediante cuestionario online, entre os establecementos asociados de Santiago Centro e Proxecto EmRede. A enquisa continúa aínda activa e ata o momento responderon ao cuestionario 86 establecementos. Foi realizada para coñecer a situación real do comercio en Santiago. As respostas son maioritariamente do comercio do Ensanche (área que cubre Santiago Centro), pero tamén de Santiago e comarca (área que cubre Proxecto EmRede).

Comentarios
O 45% do comercio compostelán pechará se a situación non mellora en tres meses