O 15 de marzo no Campus do Esteiro de Ferrol

Unha xornada avaliará a importancia do sector naval como xerador de emprego e asentamento de poboación

A CIG-Industria de Ferrol organiza unha xornada o mércores 15 de marzo na que, baixo o título "As perspectivas actuais e os retos da construción naval", diversos especialistas abordarán a situación do sector naval a nivel global, as condicións particulares dos estaleiros da ría e o seu impacto na comarca como xerador de emprego e asentamento poboacional.

Unha xornada avaliará a importancia do sector naval como xerador de emprego e asentamento de poboación

A xornada, que conta coa colaboración da Universidade da Coruña, desenvolverase no salón de actos do Campus do Esteiro e está aberta á participación do conxunto da sociedade da comarca.

Segundo explicaron en rolda de prensa Manel Grandal, secretario comarcal da CIG-Ferrol, e Emilio Cagiao, responsable do sector naval da Federación de Industria, o obxectivo destas xornadas é crear conciencia e abrir un debate social arredor da importancia que ten a construción naval no só na creación de postos de traballo, senón tamén como elemento de asentamento de poboación na comarca.

"Queremos buscar o consenso máis amplo e aglutinar unha forza que posibilite pór a defensa do sector naval no centro de todas as reivindicacións", afirmou Cagiao durante a comparecencia na que se deron a coñecer os obxectivos e o programa da xornada do próximo mércores.

Artellar unha fronte que defenda o papel fundamental da construción naval para a comarca cobra especial relevancia diante do recente anuncio da SEPI de abordar un novo 'Plan estratéxico' para Navantia. Un plan que -apuntan desde a CIG- de seguir a liña dos anteriores procesos, podería supor un novo axuste de persoal e un retallo ás capacidades e potencialidades produtivas dos estaleiros da ría.

Ante esta perspectiva, coas xornadas búscase pór de manifesto que, ao igual que pasou en estaleiros doutros países da Unión Europea que sufriron procesos de reconversión, "tamén existe solución para o naval de Ferrolterra".  

17.325 postos de traballo destruídos

Grandal e Cagiao lembraron que dende a posta en marcha a principios dos anos 80 dos plans de reconversión nos estaleiros da Ría de Ferrol, o sector naval perdeu capacidade produtiva e destruíronse 17.325 postos de traballo. "Pasouse dos 12.152 traballadores nos cadros de persoal da principal e 8.500 empregos da industria auxiliar e complementaria a un cadro de persoal en Navantia de 2.200 persoas e pouco máis de 1.100 postos na empresa auxiliar".

Unha xornada avaliará a importancia do sector naval como xerador de emprego e asentamento de poboación