O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS PERMANECE ABERTO ATA O 26 DE OUTUBRO

USC e Aresa convocan unha nova edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, veñen de asinar un convenio de colaboración para a convocatoria da edición 2018 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

USC e Aresa convocan unha nova edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López Díaz, asinaron o convenio de colaboración./S.ALVITE.
O presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López Díaz, asinaron o convenio de colaboración./S.ALVITE.

A sinatura deste convenio é o punto de partida dunha nova convocatoria deste recoñecido galardón co que Aresa e a Universidade de Santiago (USC) premian cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

O reitor da USC, Antonio López e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez, explicaron que na avaliación das candidaturas o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.

O reitor agradeceu “19 anos de compromiso e colaboración continuada” do grupo Aresa a prol da posta en valor e dinamización da actividade agrogandeiro en Galicia. Igualmente, Antonio López subliñou o carácter aberto da convocatoria aberta tanto a traballos de I+D, como a proxectos de actividade empresarial xa constituídos e a aqueles caracterizados polo seu carácter innovador. 

As candidaturas a esta edición do premio poden presentarse ata o 26 de outubro nos rexistros da USC.

Premiados en edicións anteriores

Na traxectoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos, a Facultade de Veterinaria e a Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela. Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP TerneraGallega, o programa de TVG ‘O Agro-labranza’, a D.O. Ribeira Sacra, a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga, a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ ou a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia.

Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva; os impulsores da queixería Casa Macán; e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa, Ingapán, Champivil, Alibós Galicia, o grupo empresarial Agroamb, e a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa.

Comentarios
USC e Aresa convocan unha nova edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural