Esta fin de semana comparten espazo os salóns Celebra, Bebega e Antiq Auria

Triple cita feiral en Expourense

Expourense ofrece esta fin de semana do 23 ó 25 de novembro unha triple cita para as familias: Celebra, 19º Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais; Bebega, 2ª Mostra do Bebé, e Antiq Auria, 2ª Feira Internacional de Antigüidades.

Triple cita feiral en Expourense
Presentación dos salóns Celebra, Bebega e Antiq Auria.
Presentación dos salóns Celebra, Bebega e Antiq Auria.

Celebra e BEBEGA celebraranse o sábado 24 e o domingo 25 de novembro mentres que Antiq Auria comezará xa o venres 23 pola tarde. En total, un cento de expositores presentarán os seus produtos e servizos especializados no recinto feiral.

Esta triple cita feiral foi presentada este martes un acto na sede da Confederación de Empresarios de Ourense contando coa presenza de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, entidade colaboradora con Celebra e Bebega; de José Antonio Ferreiro, copresidente da Asociación Memoria Antiga que coorganiza Antiq Auria xunto a Expourense; Emma González, directora adxunta de Expourense e os representantes das empresas que van participar na pasarela de Celebra.

Celebra

A 19ª edición de Celebra presentará a calidade, o deseño e a orixinalidade cos que traballan as empresas ourensás, xa que a meirande parte deles proceden desta provincia. Esta cita contará presentará unha ampla oferta de produtos e servizos cos que dar resposta á complexa planificación de todo tipo de actos sociais tales como vodas, comuñóns, bautizos, reunións de empresas, presentacións e lanzamentos de novos produtos, etc.

Unha ducia de sectores estarán presentes en Celebra destacando a oferta en restauración, organización de viaxes e animación de eventos que son os que contan con maior representación. Tamén terán o seu espazo a moda nupcial e de festa, aluguer de vehículos, restauración, animación e discotecas móbiles, xoiería, perruquería e estética, fotografía, floristería, agasallos e prensa especializada. Tamén haberá empresas especializadas na organización integral de eventos, co que o visitante non só poderá coñecer as últimas novidades en servizos e produtos, senón que poderá recibir asesoramento e novas ideas.

Celebra concentra un importante volume de negocio, xa que o custo medio dunha voda en Galicia está a rondar os 20.947 euros, segundo datos do portal especializado www.bodas.net. Este mesmo portal indica que as vodas contan con cada vez menos convidados (130 de media) pero que o gasto realizado polos noivos en cada un deles é maior.

Bebega

Bebega, 2ª Mostra do Bebé, é unha mostra especializada para axudar ás familias a preparar a chegada do novo membro da familia. As empresas e asociacións participantes ofrecerán un escolma de productos e servizos orientado ao benestar do bebé: puericultura, moda, decoración, agasallos, desenvolvemento intelectual, psicoloxía ou ioga… 

Antiq Auria

A segunda edición de Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, reunirá a expositores de España, Portugal, Francia e Suíza. Trátase dun evento organizado de forma conxunta entre o recinto feiral e a Asociación “Memoria Antiga” de Ourense. Os bos resultados acadados pola primeira edición, celebrada o pasado mes de maio, levou a convocar esta segunda cita das antigüidades na que un preto dun 80% dos expositores repiten contando ademais coa incorporación doutros novos como é o caso de Antigüedades Parrado, de Arévalo, unha das empresas máis importantes a nivel nacional.

Antiq Auria, punto de encontro de nostálxicos, presentará multitude de obxectos únicos e cheos de historia divididos entres sectores. A primeira delas será a das antigüidades propiamente ditas (obxecto con máis de 50 anos) como xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, porcelanas, etc. A outra área será o coleccionismo onde se poderán atopar numismática, filatelia, etc. Por último, esta cita conta tamén cunha área reservada para os afeccionados aos obxectos e roupa vintage, que se teñen convertido nunha moda e nun referente á hora de decorar os fogares.

Ademais de punto de venda, Antiq Auria tamén pretende servir para que os visitantes teñan a posibilidade de taxar ou vender aquelas obxectos antigos que teñen nos seus fogares. Os interesados poderán coñecer o valor/prezo estimado das antigüidades e vendelas se lles resulta de interese.

O horario de apertura de Celebra e Bebega será sábado e domingo de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.30 horas. Mentres que o horario de Antiq Auria será o venres de 17.00 a 21.00 horas e sábado e domingo de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 h. A entrada terá un custo único de 2 euros e permite acceder ás tres feiras.

Triple cita feiral en Expourense