Convocados en colaboración con CES-Galicia e Feiraco

Traballos sobre espazos protexidos, enerxía eólica, sector lácteo e xestión do risco en Galicia gañan os premios do Idega

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (Idega) vén de entregar os premios Valentín Paz Andrade e Jesús García Calvo que convoca en colaboración co Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia) e con Feiraco, respectivamente.

Traballos sobre espazos protexidos, enerxía eólica, sector lácteo e xestión do risco en Galicia gañan os premios do Idega
Gañadores dos premios Idega, entregados este luns na Universidade de Santiago.
Gañadores dos premios Idega, entregados este luns na Universidade de Santiago.

O acto estivo presidido polo reitor Juan Viaño e contou coa participación do presidente da Fundación Feiraco, José Montes Pérez, e a presidenta do CES-Galicia, Corina Porro Martínez.

Juan Manuel Trillo Santamaría e Valerià Paül Carril foron os primeiros en recoller o premio Jesus García Calvo en investigación en desenvolvemento rural e cooperación polo seu traballo ‘Transboundary protected areas as ideal tools? Analyzing the Gerês‐Xurés transboundary biosphere reserve’, no que investigan a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés no marco do modelo definido globalmente para a ordenación e xestión dos espazos naturais protexidos transfronteirizos (ENPF).

O investigador do grupo de Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo Damián Copena Rodríguez levouse o García Calvo pola súa tese de doutoramento ‘Enerxía eólica e medio rural: unha análise aplicada dos impactos socioeconómicos dos parques eólicos no mundo rural galego’, que lle dirixiu Xavier Simón Fernández. Nela analiza como foi o proceso de implantación e cales foron as consecuencias socioeconómicas da posta en marcha dos parques eólicos no mundo rural galego no período 1995-2014. O traballo achega nova información sobre os procesos de implantación eólica, a análise dos mecanismos de acceso aos terreos eólicos e os resultados económicos obtidos polos propietarios dos terreos rurais onde se instalaron as centrais eólicas.

Na categoría de traballo académico de grao ou mestrado recolleu o galardón Diego Gómez Méndez polo estudo ‘O sector lácteo en Galicia: dinámica recente e perspectivas nun mercado liberalizado’, tendo en conta o novo contexto que se abriu desde o 1 de abril de 2015 co fin das cotas lácteas na Unión Europea. Da súa detallada investigación conclúe, en contraste coa fortaleza do sector produtor, a “debilidade” da industria transformadora e como isto “limita o potencial do complexo lácteo na nosa comunidade”.

A cerimonia de entrega rematou co premio Valentín Paz Andrade, que recaeu no traballo ‘La gestión del riesgo y el seguro en la empresa gallega’, do que é director Luis A. Otero González e son autores Pablo Durán Santomil, Rubén Lado Sestayo, Milagros Vivel Búa e Luis Ignacio Rodríguez Gil, e que foi publicado pola editorial Fundación Inade en 2015. Este traballo explica o nivel de implantación de políticas de xestión do risco, as técnicas aplicadas e a importancia do seguro como ferramenta de transferencia do risco. O estudo profunda ademais nos efectos que ten sobre a empresa, en particular o risco global que asume e a creación de valor.

Traballos sobre espazos protexidos, enerxía eólica, sector lácteo e xestión do risco en Galicia gañan os premios do Idega